A CIG vén de instar á Dirección Xeral de Emprego Público a constituír e convocar a Comisión Paritaria de Formación para o Sector da Autonómica e a garantir a negociación efectiva da formación antes de que o plan anual 2027 sexa aprobado polo Consello Reitor da EGAP; así como antes da aprobación dos restantes plans específicos de formación do sector.
A formación non pode decidirse unilateralmente. O artigo 37.1.f do Estatuto básico do persoal empregado público e o artigo 153.1.f da Lei do emprego público de Galiza obrigan a negociar os criterios xerais dos plans e fondos de formación, incluídas as necesidades, prioridades, recursos, colectivos destinatarios, condicións de acceso, seguimento e avaliación.
Porén, a EGAP presenta os seus programas anuais ao Consello Reitor sen unha negociación colectiva previa que permita ao persoal participar na definición das súas propias necesidades formativas. Na CIG insistimos en que a aprobación formal por este órgano non substitúe a Mesa Xeral nin converte en negociado un plan previamente elaborado pola Dirección da Escola.
A Xunta creou en 2014 a Comisión Paritaria de Formación Local, integrada pola Administración, a Fegamp e as organizacións sindicais máis representativas. Este órgano continúa aprobando e supervisando os plans financiados para o persoal das entidades locais. En cambio, Emprego Público non identifica nin acredita unha comisión equivalente e operativa para o persoal da Administración autonómica.
Dende a CIG reclamamos que se constitúa e se convoque a Comisión Paritaria de Formación para a Autonómica, destinada ao persoal da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais. Se Emprego Público afirma que xa existe, deberá acreditalo documentalmente, convocala e dar conta da súa actividade.
A CIG esixe, tamén, información completa sobre os fondos, os custos, as solicitudes, as persoas solicitantes, as prazas, as admisións, as exclusións, as listaxes de agarda e a demanda non atendida, con datos desagregados por actividade, territorio, colectivo e sexo. Sen esta información non é posíbel avaliar se a oferta responde ás necesidades reais nin coñecer o desfasamento entre a demanda e as prazas dispoñíbeis.
Os plans incluídos no Acordo de formación para o emprego das administracións públicas deben seguir o procedemento específico de negociación e aprobación previsto nel. Para abranguer tamén a formación financiada con fondos propios, na CIG propoñemos crear un órgano técnico paritario na Mesa Xeral ou establecer un procedemento periódico de negociación e seguimento.
A formación é un dereito do persoal e unha ferramenta para mellorar os servizos públicos. Non pode seguir planificándose por inercia, de costas ás necesidades reais e contando sempre co mesmo círculo de persoas colaboradoras.
