Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas.
Convocatoria de procesos selectivos
Respecto das convocatorias dos procesos selectivos, quedou claro unha vez máis que a directora xeral non ten intencións de negociar nada, pois a entrega dos borradores das convocatorias foi sen tempo para que as organizacións sindicais as poidamos difundir, estudar e alegar en condicións axeitadas. En definitiva, que o que busca a directora é simplemente cumprir coa obriga formal de negociación, sen interese de chegar a consenso coa representación do persoal. Supoñemos que na semana do 19 convocarán a Comisión de Persoal para a aprobación das convocatorias.
En todos os procesos reclamamos:
Queremos que as convocatorias sexan mediante concurso-oposición.
Non nos chega con que poñan o prazo mínimo de 6 meses para a realización do primeiro exercicio. Queremos que poñan tamén un prazo máximo, de xeito que dende a convocatoria ata a resolución do proceso non pasen máis de 12 meses.
Queremos a promoción interna separada do acceso libre, co 50% da oferta, tanto horizontal como vertical dende calquera escala, en todos os casos e con reciprocidade nas respectivas promocións que se convoquen, e que se reclasifiquen os postos cando sexa posible ou se artelle algún sistema que facilite manter a proximidade á localidade.
Promoción interna a C1-Administrativo
É o único que será concurso-oposición. Son 148 prazas, correspondentes ás ofertas de emprego dos anos 2024 e 2025. A CIG manifestou que hai outras 74 prazas da OEP do 2026, e solicitamos a súa inclusión. Restrinxen a participación a só C2-Auxiliar. A promoción interna non consume taxa de reposición: vai sendo hora de artellar un novo sistema de promoción interna, sen restricións de prazas. Descargar
Acceso libre e promoción interna a B-Escala de Axentes Técnicos en Xestión Ambiental
Son 65 prazas, das ofertas de emprego dos anos 2024 e 2025. Aínda que esta escala estea clasificada como grupo B, a realidade é que as persoas que superen o proceso serán nomeadas funcionarias de C1. E así seguimos dende fai moitos anos. Xa é hora de rematar con esta rebaixa que prevé a Lei do emprego público de Galiza.
Nas escalas de axentes ambientais e forestais non houbo un proceso específico de estabilización a pesar da alta interinidade: a Xunta excluíu estes procesos argumentando ou que era unha escala a extinguir (forestais), ou non recoñeceu como vacantes estruturais moitos postos que viñan sendo ocupados durante anos mediante comisións de servizo encadeadas. Así, no 2023 diciamos que non saíran as prazas en estabilización (0 en C2, e 1 en C1), cando había máis de 130 persoas interinas.
Demandamos que o proceso sexa convocado como concurso-oposición. A este respecto, a DXEP, na súa intervención, afirmou que reconsiderarían a forma da convocatoria (veremos).
En canto á promoción interna, permiten horizontal dende outros B (algo que é falto, pois non existe ninguén de grupo B na nosa Administración) e permiten C1 dende calquera escala. Reclamamos que permitan tamén dende C2-Forestais, pois en realidade estamos ante unha promoción a C1.
Para a proba física, non hai diferenza entre homes e mulleres, nin de peso, nin de tempos. Lembramos á DXEP que o Plan de igualdade da Xunta, establece expresamente a obriga de analizar con perspectiva de xénero as probas físicas e os baremos dos procesos selectivos, para detectar posibles impactos negativos e adoptar medidas correctoras.
Acceso libre e promoción interna a C2-Auxiliar de Coidadores
Convocan 126 praza do 2025 e 2026. Para esta escala, si permiten a promoción interna horizontal e vertical dende calquera escala de C2 e Agrupación Profesional (AP). Descargar
Acceso libre e promoción interna a C2-Auxiliar de Cociña
50 prazas do 2025 e 2026. Engaden unha proba práctica de cociña, para a que as persoas candidatas teñen que levar as súas ferramentas, instrumentos de corte, uniforme, etc. Xa hai un suposto práctico tipo test, polo que a proba práctica en cociña pode ser excesiva. E no caso de que a manteñen, reclamamos que sexa a Administración quen facilite os instrumentos. Permiten horizontal e vertical dende calquera escala de C2 e AP. Descargar
Acceso libre e promoción interna persoal subalterno
Son 96 prazas das OEP de 2025 e 2026. Permiten promoción horizontal dende outras escalas de agrupación profesional. Vai ser do 25%. Queremos do 50%. Descargar
Acceso libre e promoción interna limpeza e cociña
Son 305 prazas da OEP 2024 e 2025. Pero hai 95 prazas do 2026 que reclamamos que engadan na convocatoria. Igual que en subalterno, permiten promoción interna horizontal dende outras escalas de agrupación profesional. Descargar
Rolda aberta de intervencións
Resolución de adxudicación de postos da elección convocada o 30/09/26: a DXEP afirma que a información de que está reservado o DOG para o 3 de novembro é un ruxe-ruxe. Afirma que están vendo a planificación da adxudicación, pero aínda non hai datas.
Promocións internas pendentes de resolución (convocatorias de 2024, de enxeñarías e consumo): xa teñen a relación de persoas que superan o proceso, pero están a revisar a cantas desas persoas lles corresponde escoller destino por non ter o actual posto aberto ao subgrupo ao que promocionaron. Afirma que son poucas persoas, e considera que cos postos de nivel base que teñen poderían dar destino. No caso das enxeñarías o concurso de traslados resolveuse fai un ano, e consideran que ao tratarse de promoción interna, postos base, e moi poucas persoas as que terían que escoller destino, si poderían dar destino agora sen agardar por un novo concurso. Están a traballar nos listados de postos e considera que nesta 2ª quincena de outubro poderían convocar a elección de destinos de enxeñarías e consumo.
Veternaria (concurso e elección de destino): agás a convocatoria do 2024 (pendente de relación de persoas aprobadas), para os demais procesos poderían convocar destino e resolución do concurso de traslados na última semana de outubro ou primeira de novembro.