O venres 13 e xoves 19 tivemos dúas reunións coa Consellería de Emprego para abordar a modificación da RPT. A consellería retoma, despois de máis dun ano e medio e de retirar case 200 postos do concurso de traslados de corpos xerais, a modificación da RPT, especialmente relevante para as oficinas de emprego. A modificación farase ao amparo dun plan de reasignación de efectivos que leva aparellada a RPT.

 

Os agravios: non corrixir mediante unhas pequenas modificacións produce un efecto contrario ao pretendido

A súa intención é crear un “modelo igualitario” de oficina de emprego que basicamente vai derivar en dous tipos de oficina.

O obxectivo declarado é pór en valor e facer atractiva para o persoal funcionario a provisión dos postos das oficinas de emprego. Para lograr isto acometen unha modificación que implica unha suba de niveis de grande parte dos postos das oficinas. Ata o de aí de acordo. E optan por un modelo que queren reproducir mecanicamente onde, por exemplo, en determinadas oficinas haberá entre un e tres coordinadores/as.

Se o que se pretende é facer atractivos os postos, motivar ás persoas empregadas que desempeñan o seu traballo nas oficinas, crear un clima laboral positivo, e fomentar a implicación do persoal no traballo, parece que non o van conseguir por algúns detalles que poden parecer insignificantes.

Se as mellores non son globais ou non existe un criterio cabal e obxectivo para aplicar a unhas prazas ou a otras as modificacións, o que vai producir esta modificación é que algunhas persoas das oficinas vexan isto como un agravio.

Non se pode pretender facer unha reforma deste calado con criterios mecánicos e con perspectiva matemática para que só poida haber como moito tres coordinadores por oficina. Para a CIG levar adiante isto parece requirir unha etapa transitoria onde se implante paulatinamente o modelo proposto. E co paso do tempo chegar a el, pois poden transformar eses postos en postos de xestores/as de emprego cando queden vacantes.

Se un modelo de oficina desmotiva e non crea un bo clima laboral entón non é un bo modelo.

 

Os datos e as nosas demandas

As modificacións propostas en relación aos postos rebaixan a expectativa creada o ano pasado e basicamente son:

  • As 130 prazas da escala técnica de orientación pasan a ter nivel 20. As persoas da escala técnica teñen ademais 69 prazas de nivel 22 ou superior abertas a esta escala pero tamén á superior e a xeral, co cal por estatística é posible que só queden menos dun terzo para que poidan optar a elas as persoas da escala técnica. Polo tanto para favorecer a carreira vertical propoñemos abrir máis postos a esta escala.
  • En relación ao postos que estaban abertos a corpos xerais e á escala técnica de orientación manifestan que o feito de non incluír á escala superior foi un erro. Foi corrixido na nova documentación enviada.
  • Os xestores/as de emprego con niveis 12, 14 e 16 pasan a ter nivel 18 abertos ao C1 e C2 e son 238 postos de traballo, dos que 48 son de nova creación. As que actualmente ocupan 12 persoas do A2 en destino definitivo denominaranse igual ata que queden vacantes e pasen a C1/C2. Consideramos que os postos de xestores/as ao ter un nivel equivalente a un negociado deberían estar abertos tamén ao subgrupo A2 para entre outras cousas facilitar a promoción interna sen ter que cambiar de posto.
  • As prazas de coordinador/a pasan de ter nivel 16 e 20 a nivel 22 abertos a A1/A2/C1 de corpos xerais e no futuro non serán A1. Excepto en 10 pequenas oficinas haberá entre unha e tres prazas por oficina. Son ao redor de 70 prazas. Hai case 30 postos de coordinadora de área que tamén son postos A2/C1/C2 de nivel 20, que permanecen igual e que de quedar vacantes pasarían a ser de xestores/as de emprego con nivel 18.
    Parece claro que si as persoas que o ocupan son do C2 ese posto non pode exceder o nivel 20. Pero habendo persoal funcionario de carreira do C1 e A2, pois tamén se sinte o agravio de non ver valorado o seu traballo. E a administración debería facilitar os datos de cantas desas prazas están cubertas en destino definitivo por persoal do subgrupos C1 e A2 e convertelas en prazas de coordinador/a co nivel 22.
  • O mesmo sucede con ao redor de 15 postos base A1 que non se tocan.
  • Os 53 postos de dirección van ser de concurso específico para corpos xerais e escalas de orientación e serán de nivel 25 (A1/A2/C1) para oficinas tipo C e D, e 28 (A1/A2) nos tipos A e B. Estarán abertas a corpos xerais e ás dúas escalas de orientación. Pontevedra Concello, Vilagarcía e Carballo seguirán como C1 nivel 25 ao estar ocupadas en destino definitivo. No relativo aos postos de directores/as de nivel 20 a administración pretende darlles un posto de mesmo nivel na mesma oficina pero non de dirección. Creemos que estes postos deben seguir na mesma situación ata que queden vacantes.
    E non estamos de acordo en que os postos se cubran mediante un sistema arbitrario que non deixa de ser unha libre designación disfrazada. E mentres a Xunta pretenda seguir mantendo que os postos de nivel 28 se cubran por ese sistema non nos queda outra que solicitar que sigan sendo de nivel 25 e que cos cartos aforrados se poida, por exemplo, reforzar o SMAC que tamén vai ser necesario.
  • Créanse 8 postos de persoal subalterno nivel 10 e mantéñense os que están cubertos en destino definitivo. Aquí nada cambia. E parece que deixalos no nivel base non vai facer que se cubran, tal e como pretende a consellería. Dende a CIG pensamos que subir o nivel dos postos desta escala do nivel 10 ao 14 non ten un custo relevante e si pode facer que se cubran as prazas no concurso de traslados E non facelo vaise sentir tamén como unha discriminación ao non haber posibilidade deste persoal de escalar na estrutura de niveis do emprego público.
  • Créanse unha praza de coordinador/a do SPEG por departamento territorial, para a coordinación de oficinas. Contra o noso criterio non van estar nos departamentos territoriais senón en Servizos Centrais.
  • Dos 271 postos que se modifican atenden a demanda de que permaneza o persoal interino ata o concurso de traslados do ano que vén onde se cubran con carácter definitivo.
  • O proceso de amortizacións e creacións produce un saldo negativo de 40 postos que vai repercutir na carga de traballo de moitas oficinas. Na estrutura da consellería amortizan 39 postos e crean 66 postos entre Servizos Centrais e departamentos territoriais.
  • Nas oficinas de emprego amortizan 123 postos e crean 56.
  • Trasladan catro postos de oficina, un da OE de Lugo Norte a Lugo Sur, outro á inversa, un da OE de López Mora á OE do Calvario e outro á inversa. Non estamos conformes se non hai consentimento das persoas titulares.
  • Crean dúas prazas no SMAC de Vigo pero seguen sen reforzar os demais, cando a carga de traballo é cada vez maior.

 

Creación da Oficina de atracción do talento

Como en marzo do 2027 a CCAA asumirá a xestión das autorizacións de permisos de traballo para persoas estranxeiras, na RPT da consellería créase a Oficina de atracción do talento con 50 prazas (15 en SSCC).

Esta oficina terá 4 grandes áreas, a de atracción do talento, que implica contacto con outros países e empresas para a busca de traballadores noutros países, a telemática a de autorizacións e a de resolución de recursos.

Na primeira, terceira e cuarta áreas crean 2 negociados en cada unha e na de competencia telemática 2 de xestores e 2 de técnicos de orientación. Na estrutura periférica da oficina crean en cada unha das 7 grandes cidades 2 negociados e terán 3 persoas contratadas a través de Retorna, que é un programa financiado con fondos FSE dependente da Secretaría Xeral de Emigración, e por tanto esas prazas non aparecen na RPT. Crean postos abertos a administración do Estado e de CCAA que a administración xustifica dicindo que son na oficina do talento e para dar cabida á funcionarios do Estado de Estranxeiría que queiran vir. Na reunión do xoves atenderon parte da nosa demanda e finalmente quedan en só 11 postos abertos.

 

En decembro a seguinte reunión

Dende a CIG reiterámonos nas nosas propostas de hai un ano, cos matices derivados dos novos cambios. A administración vai estudar as alegacións e a próxima xuntanza coa consellería será na primeira semana de decembro. Esperemos unha profunda reflexión sobre o modo de implantar o novo modelo.

E para unha valoración correcta compre que a consellería nos aporte a documentación solicitada.