Na Mesa Xeral e na Mesa Sectorial (martes 24 de novembro) tratáronse as propostas de convocatoria de seis procesos selectivos de persoal laboral e funcionario, ademais de diversas cuestións sobre listas de contratación e procesos en marcha.
Nos distintos procesos abordados nas mesas, a CIG mantivo unha liña reivindicativa común para garantir procesos xustos, obxectivos e áxiles:
• Sistema de acceso e prazos: Nos procesos de persoal funcionario, esiximos que se realicen polo sistema de concurso-oposición. Tamén reclamamos fixar un prazo máximo de 6 meses para o primeiro exercicio e de 12 meses para rematar todo o proceso selectivo.
• Proba de galego: Solicitamos a súa supresión, establecendo no seu lugar que o primeiro exercicio sexa obrigatorio en galego. De manterse a proba, pedimos que sexa tipo test e non unha tradución.
• Temarios: Reclamamos que os temas específicos sexan substituídos por normas de dereito positivo ou, no seu defecto, que a Administración edite manuais ou facilite referencias bibliográficas.
• Notas de corte e exercicios de desenvolvemento: Rexeitamos os exames de desenvolvemento de temas (propoñendo supostos prácticos tipo test) e solicitamos que, de manterse, teñan tamén nota de corte e non se empreguen como criterio de desempate fronte ás probas obxectivas.
Procesos selectivos tratados
1. Categoría 103 (Entrevistador/a-enquisador/a) do grupo III de persoal laboral.
• Erro no desempate: Reclamamos incluír criterios de desempate por infrarrepresentación feminina.
• Fase de concurso: Pedimos ampliar o tope de antigüidade en promoción interna (fixado en 16 anos) e que, na quenda libre, a experiencia na Xunta puntúe o dobre que noutras administracións.
2. Corpo Superior (subgrupo A1) e Corpo de Xestión (subgrupo A2) de Administración Xeral.
• Corte único: No primeiro exercicio, que está dividido en dúas partes, esiximos que a nota de corte sexa única para o conxunto do exame e non eliminatoria por cada parte.
• Segundo exercicio: Rexeitamos o desenvolvemento escrito de temas (2 temas no A1 e 1 no A2) e pedimos substituílo por un suposto práctico tipo test (ou que, como mínimo, puntúe a metade que o primeiro).
3. Corpo Administrativo (subgrupo C1) de Administración Xeral.
• Separación de bloques: Dado que o programa non é eliminatorio entre exercicios e o bloque II entra en ambos, solicitamos que o primeiro exame avalíe exclusivamente o bloque I e o segundo se centre no bloque II.
4. Corpo Auxiliar (subgrupo C2) de Administración Xeral.
• Eliminación de probas de informática: Esiximos suprimir o segundo exercicio (teórico-práctico de informática) e o curso selectivo posterior de ofimática. No seu lugar, reclamamos formación específica adaptada ao posto.
• Persoal en prácticas: Denunciamos que o sistema proposto mantén ao persoal cobrando menos como funcionario en prácticas de xeito indefinido ata o seu nomeamento definitivo como persoal de carreira.
5. Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de FOL (subgrupo A1).
• Transparencia: Para o segundo exercicio (programación e unidade didáctica), pedimos substituílo por un suposto tipo test ou, de manterse, que se publiquen previamente as rúbricas de avaliación e que non sirva este exercicio para desempatar.
Rolda aberta de intervencións
• Auxiliar de bibliotecas: Preguntamos polas previsións respecto á relación de persoas aprobadas de setembro de 2025 e a directora di que están preparando os listados de postos e que non teñen datas previstas.
• Listas de contratación: Denunciamos o caos nas notificacións (chamamentos que logo se anulan, envíos de ámbitos erróneos e resolucións de madrugada o mesmo día da incorporación). A Administración limitouse a dicir que cumpre co decreto e que non lle constan queixas rexistradas.
Dende a CIG reclamamos a negociación dun novo decreto XA!
• Documentación nas tomas de posesión: Protestamos porque se volve esixir documentación xa entregada previamente. A DXEP comprometeuse a falar coas consellerías afectadas, aínda que a subdirectora de procesos contradíxoa defendendo a necesidade de volver presentar toda a documentación como pode ser o certificado médico. A CIG exixe coherencia e criterios comúns de requirimento de documentación en todas as tomas de posesión.
• Adxudicacións de PSX e persoal xerocultor: Anuncia a DXEP que este venres 27 sairá publicado no DOG a adxudicación de destinos de PSX e persoal xerocultor. Ademais preguntamos se tal e como a propia administración trasladou, ese mesmo día sairá publicado o acto de elección de destinos de PSX por proceso de libre, e unha ves máis esta dirección incumpre o que trasladara por escrito xa que di que non sabe cando sairá este acto de elección de destinos porque teñen que reorganizar todo.