No DOG do 29/11/2021 publican a RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de persoal de servizos xerais (PSX) e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de xerocultor/a (subgrupo C2).

Están exentas de presentar a solicitude na escala de persoal de servizos xerais as persoas que solicitaron a inclusión nas listas de contratación temporal da categoría profesional de persoal de servizos xerais (44) e na escala de xerocultor/a, as que solicitaron a inclusión nas listas de contratación temporal da categoría de xerocultor/a (43), ao abeiro da Resolución do 7 de marzo de 2019 (DOG do 18 de marzo), e que figuran incluídas nunha listaxe que se publicará no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe «Listas de contratación». Estas persoas estarán exentas, así mesmo, de aboar as taxas para a inclusión na lista correspondente. 

As persoas interesadas en formar parte das listas deberán presentar unha instancia, preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado contido no anexo I da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG do 26 de febreiro) (código de procedemento AP522T), accesible na sede electrónica da Xunta de Galiza, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo para presentar as instancias comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 20 de decembro de 2021, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006.