No DOG do 19/08/2022 publican a RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galiza.

As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na secretaría da escola oficial de idiomas correspondente unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o día 1 ata o 10 de setembro de 2022, para os cursos do primeiro cuadrimestre (setembro-xaneiro), e desde o 3 ata o 13 de xaneiro de 2023, para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).

Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos aos/as empregados/as públicos/as da Administración autonómica, da Administración local e da Administración periférica do Estado na Comunidade Autónoma de Galiza, exceptuando o persoal docente da Consellería Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e o persoal sanitario, non entendendo por tales os empregados públicos da escala de saúde pública e administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galiza.