No DOG do 16/04/2026 publican a RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala de persoal axente de inspección, especialidades de vixilancia de estradas e de mobilidade.
O número de prazas convocadas na especialidade de vixilancia de estradas será de dez (10), das cales unha (1) está reservada a persoas que acrediten discapacidade. Resérvanse tres (3) prazas para seren cubertas pola quenda de promoción interna. As prazas non cubertas por esta quenda acumularanse ás de acceso libre.
O número de prazas convocadas na especialidade de mobilidade será de catro (4). Resérvase unha (1) praza para ser cuberta pola quenda de promoción interna; de non cubrirse, acumularase ás de acceso libre.
As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galiza, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galiza, de acordo co procedemento que se sinala no DOG.
Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto que empregarán para as súas solicitudes.
Unha vez completados os datos da persoa solicitante, poderase iniciar o proceso de inscrición.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galiza (DOG).