O día seguinte á denuncia pública feita pola CIG-Autonómica, a conselleira de Facenda reacciona apresurándose a aceptar e publicar no DOG a renuncia dos dous xefes de servizo que se presentan ás oposicións ao subgrupo "A1" por promoción interna e que a súa vez formaban parte do tribunal do subgrupo "A1" polas quendas de acceso libre e consolidación.

Desde a CIG-Autonómica, consideramos que este feito non despexa as sospeitas que se cernen sobre o proceso selectivo ao subgrupo "A1", senón que as confirman.

É necesario que Función Pública dea explicacións públicas sobre o nomeamento dos dous xefes de servizo como avaliadores, sendo opositores ao mesmo subgrupo. Así mesmo, desde a CIG-Autonómica entendemos que é imprescindibel que Función Pública adopte medidas para despolitizar e garantir a independencia dos tribunais de selección, evitando que se reproduzan no futuro casos similares.

A secretaria e o presidente do tribunal de promoción interna son, respectivamente, presidenta e presidente suplente do tribunal de libre. Xa que logo, a CIG-Autonómica demanda a exclusión dos referidos xefes de servizo, ex-membros dun tribunal e opositores noutro. Esta circunstancia non nos ofrece garantías polas dúbidas de que os xefes de servizo poidan dispoñer de información privilexiada (criterios de redacción das preguntas e de corrección), así como pola relación persoal que mantiveron. Xa que logo, demandamos a exclusión dos afectados nos procesos selectivos aos que se presentan.