Reaccionando ás denuncias públicas feitas pola CIG-Autonómica, a Consellaría de Facenda publica no DOG a renuncia en pleno de todos os membros do tribunal do proceso selectivo de promoción interna ao subgrupo A1, apenas unha semana despois da renuncia dos dous xefes de servizo como membros do tribunal de acceso ao A1 polas quendas de acceso libre e consolidación, que todavía manteñen a súa condición de opositores pola quenda de promoción interna.

Desde a CIG-Autonómica, entendemos que estas medidas son insuficientes para garantir a limpeza do proceso selectivo. Para a CIG-Autonómica, é necesario excluír os dous xefes de servizo do proceso selectivo de promoción interna ao sugrupo A1, dado que persisten as sospeitas sobre se dispuxeron de información privilexiada e se foron favorecidos pola relación persoal cos demais membros do tribunal.

Para a CIG-Autonómica é inaceptábel que a Dirección Xeral da Función Pública se resista a asumir responsabilidades políticas polo sucedido, agochándose detrás da renuncia dos membros do tribunal e obviando o que é o verdadeiro motivo para o escándalo: a presenza nos tribunais de selección de persoas nomeadas polo Goberno e que están a ocupar postos de libre designación, cuxa continuidade depende da confianza política.  

Na CIG-Autonomica, consideramos que o que está a suceder coas oposicións ao A1, ao que hai que engadir tamén as filtracións no C1 e no C2 e as chapuzas cos procesos de promoción interna ao subgrupo C2, demostra que cómpre unha reforma a fondo da normativa sobre tribunais cualificadores, co fin de garantir a profesionalidade, a independencia e despolitización destes, así como a máxima transparancia nos procesos selectivos na Xunta de Galiza.   

Moito nos tememos que o feito de non excluír a estes dous xefes de servizo de Facenda do proceso selectivo non é nin máis nin menos que unha forma de protexelos para garantirlles o que en moitos foros é vox populi: necesitan aprobar o A1 para que lles regalen unhas prometidas subdireccións xerais. Si durante este goberno, estas persoas son nomeadas subdirectores xerais, entón estará claro o porqué desa protección rocambolesca a estas persoas.