Na reunión de 29/07/2010 da Comisión Técnica para a Mellora dos Procesos Selectivos, a Dirección Xeral da Función Pública achegou ás organizacións sindicais, como documento de traballo, unha proposta para reformar as instrucións de funcionamento dos tribunais.

A proposta de Función Pública inclúe fundamentalmente en certas melloras a nivel organizativo nos procesos selectivos, perfilando as obrigas dos presidentes dos tribunais e engadindo referencias expresas á incorporación de sistemas de videovixilancia, así como un novo protocolo para o fotocopiado dos cuestionarios.

Na reunión, Función Pública prantexou ás organizacións sindicais a posibilidade de crear unha Subcomisión para o estudo e preparación das bases das convocatorias e de programas dos procesos selectivos, retirándose a proposta por non se concretar ningún acordo ao respecto. Por outro lado, a proposta de Función Pública xa prevé a creación dunha Comisión de Seguimento , Control e Mellora dos Procesos Selectivos, con capacidade para interpretar as instrucións de funcionamento dos tribunais, así como para o estudo e proposta de bases xerais ás distintas convocatorias de procesos selectivos.

Na xuntanza aludiuse tamén á colaboración da EGAP, asegurando os seus representantes que están a traballar con urxencia na elaboración dos temarios, pero insistindo en que estes non poderán ter carácter oficial.

Para alén das cuestións organizativas, a propostas da Administración continúan sen dar resposta a outras demandas da CIG-Autonómica a nivel da composición dos tribunais, como a exclusión do persoal de libre designación ou a eliminación de que o persoal dos grupos inferiores poida ser membro de tribunais cando teña a titulación correspondente. Os representes da Administración rexeitaron a presenza de representes sindicais nos tribunais, aínda que están abertos a tratar o sistema de designación dos tribunais, logo de que se madure a reforma das instrucións de funcionamento.