Durante a xuntanza á que nos convocou Gain o venres 3 de xullo, por parte da CIG volvemos solicitar que nos faciliten con carácter previo á elección de destino a relación completa e detallada dos postos e preguntamos polo calendario para a finalización da estabilización. A Axencia indícanos que retomará a estabilización o luns 6 de xullo, coa actualización das persoas excluídas e o movemento da listaxe de agarda. Nesa semana reunirase o Consello Reitor ao que levarán a creación do cadro de persoal. Debido aos acordos de traspasos, cinco postos da estabilización quedan fóra de Gain.
Os asuntos polos que por parte da CIG preguntamos á Axencia na xuntanza do venres 3 de xullo son os seguintes:
Identificación e publicación da relación de postos
- Recordámoslle a Gain que temos un escrito pedindo esta información de xullo de 2025, e que a día de hoxe segue sen resposta, motivo polo que vimos de remitirlle unha segunda solicitude. Preguntamos se van facilitar esta información, senón teremos que reclamala á Valedoría do Pobo. A Administración é a primeira que incumpre o seu deber de transparencia. Outras entidades, como o IET, teñen a continuación da RPT un cadro de persoal cunha codificación propia, coas características de cada posto. Na CIG aínda estamos esperando a que Gain o faga nestas alturas.
- Gain responde que na semana do 6 de xullo a directora vai levar ao Consello Reitor a creación do cadro de persoal derivado da convocatoria do proceso de estabilización. Non aclaran se o cadro estará listo antes ou despois das eleccións de destino.
Paralización inxustificada da estabilización de Gain
- Manifestamos que, a diferenza do resto de entes, Gain mativo paralizado o seu proceso da Lei 20/2021, tendo publicada a relación de persoas aprobadas en decembro de 2024. Na CIG seguimos sen entender por que se mantivo esta paralizacíón con base en que tres persoas simultaneaban procesos en Emprego Público e Gain. A lei é moi clara, e esas persoas só tiñan que decidir en que Administración quedaban, unicamente era necesario que Gain lles dixera que o fixeran, sen esperar á resolución da estabilización de Emprego Público. Esas persoas terían que terse decantado por Emprego Público ou Gain en 2024, dado que unha vez que elixisen un dos postos deberían permanencer nel dous anos, sen poder posteriormente decantarse polo outro proceso de estabilización. Se as persoas lles comunicaron a Gain que non tiñan intención de quedar na Axencia, isto é todo un despropósito. Gain estivo dilatando sen ningún motivo o proceso.
- Por parte de Gain argumentan que as persoas que simultaneaban procesos lles dixeron que non tiñan obriga de renunciar a Gain até que se producira a adxudicación ou elección de destinos da Xunta, polo que Gain decidiu acompasar a súa estabilización coa de Emprego Público, tendo en conta o acordo de mantemento de postos de traballo.
Prazas de estabilización de Gain traspasadas a Igape e Consellaría de Economía
- Na última xuntanza pediramos explicacións sobre como quedaba esta situación e non o aclararan.
- Agora a Gain indica que, aínda que das 42 prazas de estabilización 5 están fóra de Gain polos acordos de traspaso (tres no Igape e dúas na Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Consellaría de Economía), no proceso de estabilización son prazas de Gain e vanse a ofertar para a súa cobertura, segundo a orde de prelación marcada polas puntuacións obtidas no proceso.
Elección de destino en Xunta e listaxe de suplencias de Gain
- Pedimos que nos aclaren se as persoas que simultanean procesos xa elixiron destino na Xunta (o prazo de elección de destino remata o 3 de xullo), e se Gain as vai a excluír da súa estabilización, dado que, automaticamente, decaerían no proceso de estabilización de Gain e terían que entrar na estabilización as correspondentes persoas da listaxe de suplencias.
- Por parte de Gain respóndennos que algunas persoas xa manifestaron a súa opción de optar polas prazas de Emprego Público, e que o luns 6 de xullo esperan ter información pechada sobre este particular.
Calendario de finalización do proceso de estabilización
- Preguntamos polas datas previstas.
- Resposta de Gain: a partir do luns 6 de xullo a Axencia vai poñer en marcha a finalización do proceso de estabilización, unha vez pechado o prazo de elección de destino dos corpos xerais de Emprego Público do 3 de xullo. A continuación publicarán no DOG unha actualización da listaxe de persoas que superaron o proceso de estabilización, coas exclusións correspondentes. Non aclaran as datas da publicación da resolución do acto de elección de destino, da resolución de adxudicación dos postos e nomeamento e da toma de posesión.