Novas por contido

A solicitude da identificación dos postos presentada pola CIG o 3 xullo de 2025 non recibiu resposta da Dirección da Gain até a data, incumprindo a lexislación vixente.

A CIG vén de reiterar a súa reclamación ante a Axencia Galega de Innovación (Gain) para que publique e identifique os postos de traballo que serán ofertados no acto de elección de destino do proceso extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021.

O sindicato lembra que as persoas aspirantes levan un ano e medio agardando pola continuación do proceso e denuncia que, malia as solicitudes realizadas xa en 2025, Gain segue sen facilitar unha relación completa das prazas nin das súas características.

A CIG advirte de que a Axencia carece dunha relación de postos de traballo aprobada e considera inaceptábel que se obrigue ás persoas participantes a escoller destino sen coñeceren aspectos esenciais como a localización, a unidade de adscrición, as funcións, a xornada ou as condicións económicas das prazas.

Para esta organización sindical, unha elección «ás cegas» vulneraría os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade, transparencia, seguridade xurídica e boa administración, e podería supoñer diferenzas de trato ou eleccións condicionadas pola falla de información.

Esta información tamén é necesaria dende a perspectiva de igualdade retributiva, dado que o Real Decreto 902/2020 esixe coñecer e valorar correctamente os postos de traballo para comprobar a aplicación efectiva do principio de igual retribución por traballo de igual valor.

Así mesmo, a Directiva (UE) 2023/970 reforza a esixencia de transparencia retributiva, ao proclamar que as persoas traballadoras temos dereito a coñecer os criterios de fixación salarial e a información necesaria para comprobar a igualdade retributiva.

Por iso, a CIG solicita que, antes da convocatoria do acto de elección, se publique a relación completa e detallada dos postos, incluíndo a súa denominación, centro de traballo, funcións, horario, requisitos e retribucións, garantindo que todas as persoas aspirantes poidan exercer o seu dereito de elección con pleno coñecemento das condicións das prazas.

 

Novas relacionadas

Outras novas recentes

Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...
Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Martes, 27 Outubro 2026

A Xunta pretende pechar en falso a negociación do persoal lingüista (grupo I-40) após dous meses sen facilitar os datos básicos

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais.  O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado...