Con carácter previo cómpre facer fincapé en que non temos xeito fidedigno de comprbar se as prazas que se ofertan están realmente vacantes e tampouco temos constancia de que se estean a ofertar todas as prazas vacantes que reúnan as condicións que a CIG entende que son as indispensables. Isto débese a que, a pesar de telo solicitado reiteradamente, Función Pública non nos facilita información actual e inmediata de cales son as prazas que están vacantes das relacións de postos de traballo.

A CIG-Autonómica entende que todas e cada unha das prazas que se oferten para novo ingreso na Administración Autonómica deben de ser ofertadas previamente nun concurso de traslados. Por "ser ofertadas" entendemos que son aquelas que así o foron na primeira fase do concurso anterior xa que as que non foron adxudicadas na fase de resultas nunca pasaron por un concurso pois ninguén as puido solicitar directamente.

Estamos a favor de que todas e cada unha das prazas ofertadas sexan de nivel base, xa que de non ser así, produciríase un prexuízo co resto de persoal funcionario que accedeu por promoción interna ou noutros procesos selectivos anteriores. Comprendemos que o interese das persoas do novo ingreso é ter a maior oferta posible (mesmo con nivel ou que non pasaran por concurso). Porén, este interese ten que estar equilibrado coa situación do persoal actual que maioritariamente entrou por un posto base e leva anos agardando por un concurso que lle permita chegar a un posto de nivel.

No caso de non poder cumprir coas dúas condicións anteriores e haxa que ofertar prazas cun nivel superior ao base ou que non fosen ofertadas na primeira fase do concurso de traslados anterior, estas prazas poderían ser ofertadas de xeito provisional e excepcional xa que a CIG entende, e a normativa vixente así o avala, que a toma de posesión definitiva ten que ser a forma de adxudicación habitual. Porén, deberase ter en conta esta última circunstancia para que, en ningún caso, o destino provisional produza prexuízo algún a estas persoas nos vindeiros concursos de traslados.

Con carácter particular, detectamos que hai dous postos nas das oficinas de emprego de Santiago de Compostela que non pasaron por un concurso de traslados (TRC992090115770006, TRC992090215770007). Estes postos correspóndense con dous recén creados na RPT que se publicou o 29 de setembro deste ano.  Estas prazas deben ser retiradas da listaxe.

Porén, hai máis postos vacantes que se lles ofreceron ás persoas aspirantes de acceso libre e promoción interna, que quedaron libres nos actos de elección, e que agora non aparecen na lista de postos que se lles oferta ao A1-consolidación. Estes postos actualmente están ocupados en adscrición provisional pero seguen tendo a condición de postos vacantes e deben ser ofertados. Nesta situación están os postos cos códigos TRC991000015001513, TRC991000015001514 e TRC991000015001518.

Con relación á inteción de retirar a praza PR5191000036560009 xustificada na próxima amortización, bótase en falta algunha documentación de tal decisión. En todo caso, onde ficaría o dereito á negociación colectiva se damos unha intención dunha consellaría por definitiva? É un vicio habitual desta Administración non ofertar prazas coa xustificación dunha futurible amortización non situada no tempo. Con esta mesma xustificación foron quitadas do último concurso de traslados  prazas que despois nin foron amortizadas nin modificadas, sendo algunhas mesmo ofertadas ao persoal de novo ingreso. Este tipo de prazas deben ser ofertadas igualmente e débese informar públicamente disa intención e situar no tempo a previsión de amortización.