No DOG de 19/12/2011 publícase a Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se nomean os membros do tribunal que deberá cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2.

Sobre un total de 10 membros, entre o tribunal titular e suplente, o 60% dos membros (incluídas as presidentas, dúas subdirectoras xerais) son persoas que ocupan postos de Libre Designación, designadas con criterios de discrecionalidade política, e cuxa continuidade no posto de traballo depende do goberno actual:

- A subdirectora xeral da Familia e Menores, da Consellería de Traballo e Benestar
- A xefa do Servizo de Defensa do Menor, da Consellería de Traballo e Benestar
- A xefa do Servizo de Familia e Programas Especiais, da Consellería de Traballo e Benestar
- A subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local, da Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza
- A subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, da Secretaría Xeral de Igualdade, da Presidencia da Xunta
- A xefa do Servizo de Persoal e Coordinación Administrativa, da Consellería do Mar

Por máis abastanza, 3 dos 6 membros deste tribunal (unha subdirectora e dúas xefas de servizo) dependen organicamente da mesma Subdirección Xeral de Familia e Menores, da Consellería de Traballo e Benestar.

Desde a CIG-Autonómica rexeitamos o actual sistema de designación dos membros dos tribunais de selección con criterios discrecionais por parte da Administración, xa que entendemos que non se garanten os principios de obxectividade e imparcialidade nas súas actuacións, e seguiremos denunciando a politización dos tribunais de selección mentres non se procure un sistema que asegure a súa independencia.