O director xeral de Función Pública presentounos os novos borradores das instrucións de funcionamento dos tribunais e da reforma parcial do decreto de selección. Comenta que o texto de ambos os borradores é produto dos ditames das secretarías xerais, que tiveron en conta algunhas propostas dos sindicatos sobre o articulado das instrucións.

Por parte da CIG, manifestamos que non aceptamos as présas coas que agora se quere pechar esta reforma, tendo en conta que a primeira xuntanza foi en xullo de 2009. Tanto a CIG como as outras organizacións sindicais (OOSS) trasladámoslle ao director que o apoio á modificación das instrucións fica condicionado que antes se concrete cal vai ser o modelo de designación dos tribunais e a clarificar as competencias da comisión de control na que estarían as OOSS.

Deixamos claro que a designación dun so membro por sorteo é insuficiente e que as competencias da comisión de control deben ser significativas dabondo como para compensar a ausencia de membros nos tribunais designados por propostas das OOSS.

Respecto á presenza de LDs nos tribunais: dado que se nos marca como liña vermella por parte da Administración a exclusión deste persoal, formulamos como alternativa ao sistema de sorteo, entrando nel os LDs como o resto do persoal. Para a CIG,  os membros do tribunal deben ser elixidos maioritariamente por sorteo e non aceptaremos un funcionamento de tipo presidencialista no que o presidente do tribunal elabore ailladamente os exames, desvirtuando o seu carácter colexiado. Tampouco comprendemos a falta de reciprocidade ou bidireccionalidade entre persoal funcionario e laboral na conformación dos tribunais.

Dado que o posicionamento de todas as OOSS vai nesta mesma liña, o director xeral trasladounos que vai consultar con instancias superiores se hai dispoñibilidade para que a Administración acolla as cuestións que consideramos fundamentais para desbloquear esta negociación:

  • Só é aceptable a presenza de LDs nos tribunais se a maioría dos membros son elixidos por sorteo, e eliminando o actual presidencialismo no funcionamento e a elaboración dos exames.

  • Só é aceptable a non presenza de membros dos tribunais designados por proposta das OOSS se establecen competencias fortes para a comisión de control que nos dean capacidade efectiva de fiscalización dos procesos.


O director quedou que consultaría nos próximos días se hai posibilidade de clarificar esas cuestións e nos volvería convocar. Solicitounos que lle remitísemos por escrito as nosas propostas sobre os borradores. Desde a CIG manifestamos que non temos inconveniente en enviar de novo borradores e contraborradores sobre aspectos técnicos das instrucións, tal e como vimos facendo desde xullo de 2009, pero que non haberá avance mentres non se definan as cuestións básicas.

Descarga a documentación asociada