Novas por contido

Nesta comisión de persoal votábanse varios asuntos que se caracterizaron pola escasa ou nula vontade negociadora por parte da Administración. De novo, e velozmente, esta volveu a aprobar en solitario (sen apoio de ningunha central sindical) todos estes puntos:

  • Bases da convocatoria da escala técnica de finanzas

  • RPT de Institutos do Territorio

  • Decreto de creación do FOGGA

  • RPT do FOGGA

  • Traballo e Benestar: fusión de centros e modificación da RPT

Ao final da comisión, o director xeral de Función Pública facilitou información sobre procesos selectivos e as instrucións de permisos, vacacións e licenzas.

Compre salientar que a disposición das mesas na aula do EGAP foi a modo de “clase maxistral”, onde o director xeral da Función Pública actuou como poñente e o resto dos membros da comisión estabamos sentados nas filas, sen verlle a cara ás persoas de diante... unha boa mostra do “ambiente negociador” que se vive hoxe en día.

Con carácter previo a CIG fixo constar de novo o seu malestar polos prazos que se están a seguir nas convocatorias das mesas xerais e das comisións de persoal, enfatizando que descoñecemos os motivos que poidan xustificar o carácter de “urxencia” desta comisión xa que os temas que se tratan son todos ordinarios.

Con relación ás actas fixemos constar que a Administración esta a incumprir os mandatos recollidos no artigo 20.5 da Lei 16/2010 de Galiza que transcribe o recollido no punto 5 do artigo 27  da lei 30/92. Entendemos que isto pode dar lugar á imposibilidade de aprobar as actas das reunións celebradas tanto pola Mesa Xeral, como pola Comisión de Persoal.

O director de Función Pública  “xustifica” que a urxencia vén motivada “polo seu interese” en levar os textos ao próximo consello da Xunta.


Proceso selectivo escala técnica de finanzas

A CIG vota en contra, facendo constar os seguintes argumentos:

  • Non recollen case que ningunha das nosas alegacións.

  • Non fomentan a promoción interna (non hai redución de temas, nin de exames, nin nota separada).

  • Non hai fase de concurso.

  • Non axustan os temarios a textos legais, e os temarios no están publicados pola EGAP.

  • O único exame obxectivo é o que menos pesa (20 puntos, os outros dous 35 e 35).

  • O único que fixeron foi subir a puntuación do primeiro exercicio de 17,5 a 20 puntos.


O resto dos sindicatos tamén votan en contra.



RPT Instituto de Estudos do Territorio

A CIG vota en contra, conforme aos seguintes argumentos:

  • LDs: que os servizos sexan de concurso.

  • Non queremos apertura de postos a outras Administracións en postos de nivel e sen reciprocidade. Isto inclúe a que non queremos o docente na praza de rango de subdirector xeral.

  • Moitos postos de administración xeral/especial sen especificar a especialidade. O posto de xefatura de sección educación ambiental pásano de A1-A2 a A1, e ten cinco titulacións, entre elas unha moi amplía, a de enxeñería.

  • Varios postos con experiencia ou coñecemento como mérito. Inclusive a xefatura de sección técnico administrativa ten dúas dúas experiencias como mérito.

  • Hai un posto base subgrupo A1 no IET do corpo xeral con titulación licenciado en dereito.

  • No Departamento Técnico de Estudos aparecen coma postos novos a xefatura servizo coord. e información territorial e a xefatura servizo de planificación da paisaxe, cando son modificacións.

  • Hai dotación económica insuficiente para crear os 40 postos de persoal laboral.

  • Retiran das observacións a coletilla ocupado por persoal laboral indefinido non fixo.


O resto dos sindicatos tamén votan en contra.



Decreto creación FOGGA

A CIG fai constar que neste punto  se remitiu  exactamente a mesma documentación que se nos entregou á entrada da reunión celebrada o pasado 7 de maio na sala de xuntas do FOGGA, sen ninsequera facer os cambios estrictamente formais que se lle requeriu.

A CIG vota en contra, condicionando este voto a que a Xunta admita as alegacións feitas no seu momento, é dicir

  • Que non parece unha boa forma de iniciar un proceso de negociación o feito de remitir o venres  a ultima hora a convocatoria desta reunión para un luns a maña.

  • Que o artigo 27 esta repetido.

  • No artigo 34 dos anteditos estatutos se fai referencia a que os recursos económicos cos que conta o Fogga para o exercido das súas funcións son entre outros  “Os ingresos pola prestación de servizos”.

  • Entendemos que se debe de eliminar a frase prestar servizos e facer referencia a RPT, todo isto conforme o exposto no punto 4º do ditame  DITAME NÚM. 576/11 do consello consultivo de Galiza, relativo  Proxecto de decreto polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproba o seu estatuto, no que se fai referencia a que e emprego da palabra “prestar servizos” pode provocar problemas de seguranza xurídica.


CCOO e CSIF tamén votan en contra. UGT se abstén.



RPT FOGGA

A CIG vota en contra, conforme os seguintes argumentos:

Apertura a outras administracións:

  • Recoñecemos cambios positivos, pois hai un bo número de postos que eran A11 que agora son AXG.
  • Porén, estamos en contra de que se abran postos de nivel a outras administracións (que abran postos base) e que se faga sen acordo de reciprocidade.


Postos LD:

  • Inda que o diga a lei, estamos en contra de que os servizos sexan LD.
  • Non aceptamos que a xefatura de sección de habilitación sexa LD.


Inxustificado exceso de postos con requisitos ou méritos de “experiencia en..” ou “coñecemento en ..”

  • A experiencia só se consegue traballando.
  • O coñecemento que o inlcúan como formación a través da EGAP.
  • Son experiencias e coñecementos tan especializados que só falta que nalgún posto poñan o DNI da persoa agraciada.


Seccións en nivel 22

  • Hai un bo número de xefaturas de sección e nivel 22. Algunhas de corpos xerais, outras especiais, unhas con requisito de titulación e outras non.
  • Non aceptamos que uns teñan nivel 25 e outros 22.


Engadimos, ademais, que os problemas que se están a dar nas negociación das RPT poden comprometer o dereito á mobilidade das empregadas e empregados públicos. Este dereito, na práctica, é a única defensa dos empregados públicos fronte aos caprichos do poder político, caprichos que moi frecuentemente implican saltarse as regras xurídicas.

O resto dos sindicatos tamén votan en contra.


Traballo e Benestar: fusión de centros, e modificacións da RPT

A CIG vota en contra, consonte aos seguintes argumentos:

A Xunta xa ten publicada a data de fusión, as amortizacións e modificacións. É totalmente inaceptábel que a consellería actúe como lle pete, sen ter en conta que as suas actuacións afectan a persoas, que non son papeis nin mobiliario, e que aquelas persoas que van cesar, se lles adianta o cesamento cando xa tiñan prevista a data.

O resto dos sindicatos tamén votan en contra


Varios

Ao final da comisión, o director xeral informounos que:

  • O martes, 22 de maio, haberá unha xuntanza para tratar os seguintes temas: prazas da elección de destino definitivo da escala de persoal veterinario e oposición de legoeiros/as

  • Tamén para a semana, unha vez achegadas as alegacións das organizacións sindicais, comezarase a falar das instrucións de permisos, vacacións e licenzas.

Outras novas recentes

Martes, 06 Outubro 2026

Axentes ambientais: case un ano sen o plan de igualdade específico que esixe a lei

A Xunta suspende de novo en igualdade. A Lei 4/2024, do 8 de novembro, básica de axentes forestais e medioambientais, establece unha obriga específica para as administracións competentes. O seu artigo 14 (Igualdade de xénero), dispón literalmente: As administracións responsables, de acordo co fundamento de actuación de igualdade de trato entre mulleres e homes do artigo...
Martes, 06 Outubro 2026

A Consellaría da Lingua  mantén o abuso laboral do persoal lingüista e segue sen achegar os datos necesarios para negociar (xuntanza do 5...

A segunda xuntanza remata sen compromisos concretos para garantir a xornada completa e doce meses de actividade. O luns 5 de outubro tivo lugar a segunda mesa de negociación das condicións de traballo do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua, do grupo I, categoría 40.  Un mes despois da anterior xuntanza, a Consellaría de Cultura, Lingua e...
Martes, 29 Setembro 2026

Campaña de revisións médicas 2026-2027 en centros de ensino

Prazos de inscrición Persoal nomeado antes do 25 de setembro: dende o 25 de setembro ao 31 de outubro. Persoal nomeado o 26 de setembro ou despois: dende o día 1 ao 20 do mes seguinte á súa toma de posesión. Persoal interino e substituto: dende o día 1 ao 20 do mes seguinte a aquel no que se cumpran os 65 días traballados de forma ininterrompida, contados dende o...