Novas por contido

A marcha en defensa do emprego e por unha industria con futuro sae de Vía Norte ás 20.00 h

A Unión Comarcal da CIG de Vigo fai un chamamento á veciñanza a participar este mércores 12 na manifestación convocada en defensa do emprego e por unha industria con futuro fronte ás políticas que condenan a maioría social “á fame e á miseria”. A marcha, que coincide coa folga comarcal convocada en Ferrol, sairá de Vía Norte ás 20.00 horas.

O secretario comarcal da CIG de Vigo compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto ao secretario nacional do Naval e os responsábeis comarcais das federacións de Construción, Servizos e Químicas, para ofecer os detalles da mobilización que percorrerá as rúas da cidade este mércores 12 baixo o lema “Contra o saqueo e o empobrecemento. Polo emprego na nosa comarca. Por unha insdustria con futuro”.

O secretario comarcal comezou a súa intervención facendo un repaso polas principais cifras que amosan a grave situación económica e de desemprego que padece a comarca viguesa. Neste senso, lembrou que nos últimos catro anos o número de persoas desempregadas medrou un 24,1%, pasando de 38.750 en novembro de 2009 a 49.741 na actualidade, aínda que insistiu en que os datos superarían as 80.000 persoas se se lle suman os mozos e mozas que tiveron que emigrar ou os parados e paradas que desenvolven accións formativas.

En canto ao número de afiliacións á Seguridade Social, o secretario comarcal da CIG de Vigo indicou que descendeu en 30.000 persoas dende 2008, cun ritmo de destrución neta de emprego de 5.000 postos de traballo anuais. “Isto fai que a taxa de risco de pobreza sexa cada vez maior na nosa bisbarra, superando xa o 16%, cinco puntos máis que ao inicio da crise”. Ao mesmo tempo, máis do 50% dos fogares chegan con dificultades a final de mes e máis do 12% con moitas dificultades.

Dende a central nacionalista culpan desta situación ás políticas que está a promover a troika (FMI, Banco Central e Comisión Europea) a nivel europeo “e que están a seren asumidas e executadas polos gobernos do PP en Madrid e Galiza”. Segundo denuncian, delas deriva en boa medida o desartellamento produtivo que padece a comarca, “estimándose xa nun 60% o número de empresas e factorías do sector industrial desaparecidas nos últimos cindo anos”.

Nesta liña, lembrou que a CIG leva tempo esixindo unha resposta real por parte das Administracións públicas “para frear a demolición da nosa base produtiva” e reclamando “unha mudanza radical das políticas para garantir o noso dereito a producir e a vivir dignamente do noso traballo”. Aposta tamén por unha intervención pública decidida que sexa quen de sacar o máximo partido ás nosas capacidades produtivas.

A continuación tomaron a palabra os resposábeis das federacións para facer un breve repaso das principais problemáticas que atravesan os distintos sectores produtivos na comarca de Vigo, con especial atención á crise do naval e da construción e a súa posterior repercusion no sector servizos. Diante disto, a CIG é partidaria de convocar unha folga xeral na comarca a finais de xuño ou a comezos de setembro e fai un chamamento a CCOO e UGT a sumarse á iniciativa.

Outras novas recentes

Martes, 08 Xullo 2025

Modificación da RPT da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (para 11/07/25)

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, convocounos a unha xuntanza que será o venres 11 de xullo, pola proposta de modificación da súa Relación de Postos de Traballo.  Se é do teu interese, podes descargar a documentación, e se queres achegarnos algo, podes contactar coa CIG.
Mércores, 09 Xullo 2025

Convocatoria do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo de veterinaria

No DOG do 09/07/2025 publican a RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, escala de veterinarios. As...
Martes, 15 Xullo 2025

A conselleira do Medio Rural quere regularizar unha unidade de “elixidos” para a dirección dos grandes incendios

No verán do 2023, o director xeral de Defenda do Monte, por iluminación divina, sen negociación coa representación sindical do persoal, escolleu a dedo a un grupo de funcionarios/as públicos, da escala de axentes ambientais, para formar parte dunhas unidades segregadas chamadas UDEX (unidades de directores de extinción). Sería algo así como unha unidade de elite para...