Novas por contido

A Dirección Xeral da Función Pública incumpre a lei. Tal e como sucedía nos “bos tempos” do fraguismo, o sr. Feijoó e o seu goberno, como bos aprendices, seguen a utilizar aquelas vellas prácticas de oportunidade política para levar a cabo accións fraudulentas na Administración Pública xusto no momento en que hai máis posibilidades de que pasen desapercibidas.

Isto foi o que aconteceu no pasado mes de agosto e segue a acontecer na actualidade coas contratacións de persoal en todo o país para traballos administrativos relacionados coa lei de dependenza. O inédito do asunto é que lles esixiran como requisito a experiencia en dita lei cando as funcións que lles van ser encomendadas limítanse á gravación de datos informáticos e as que realiza habitualmente calquera auxiliar administrativo que traballa na Administración.

O incumprimento do Decreto de listas 37/2006, ademais dunha manifesta ilegalidade, perxudica gravemente ás persoas que, polos seus propios méritos, ocupan as primeiras prazas nas listas de chamamentos. Esta situación pode dar lugar a reclamacións por parte destas persoas afectadas, que non poden cumprir as suas expectativas de acceder a un posto temporal cando están de primeiros nas listas, ao serlle requerida unha certificación de experiencia que non se recolle en dito Decreto.

Cómpre tamén aludir ás consecuencias económicas que para o erario público vai ter esta ilegalidade, xa que, tendo en conta que os afectados, con toda seguridade, gañarán o contencioso-administrativo que interpoñan, os contribuíntes pagaremos dúas veces polo mesmo traballo.

Os “irresponsables” políticos que cometeron esta ilegalidade, levada a cabo con nocturnidade e aleivosía tendo en conta a previa advertencia que a CIG-Autonómica lles fixo chegar, deben rendir contas das consecuencias dos seus actos, que non apelan nin á eficacia administrativa nin ao aproveitamento dos recursos públicos senón máis ben ás políticas clientelistas ás que nos ten acostumados o Partido Popular.

Dende a CIG tomaremos todas as medidas legais pertinentes para que esta situación se resolva conforme á legalidade vixente*.

Publicación da nota de prensa no Xornal Galicia

*Dentro destas medidas, o 18/09/2009 a CIG-Autonómica comezou presentando un recurso administrativo solicitando a nuliade dos nomeamentos de persoal interino dos subgrupos A1, A2, C2 e agrupacións profesionais realizados a partir do 20/08/2009 para a execución de programas de carácter temporal con data de remate do 31/12/09, naqueles casos nos que non se respectou a orde de prelación das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, por esixirse como requisito adicional para a vinculación o de posuír experiencia na xestión de expedientes consecuencia do desenvolvemento da Lei de Dependencia.

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Martes, 27 Outubro 2026

A Xunta pretende pechar en falso a negociación do persoal lingüista (grupo I-40) após dous meses sen facilitar os datos básicos

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais.  O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado...
Martes, 20 Outubro 2026

Destinos limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc. (DOG 30/09/26), inspección consumo, inspección turismo, veterinarios/as-2024. Convocator...

Información da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, do 20/10/26: Nomeamento das escalas convocadas a escoller destino no DOG 30/09/26 (limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc, que agrupou 18 convocatorias de procesos selectivos: afirma a DXEP que publicarán a resolución co nomeamento e destino adxudicado no DOG do 30/10/26. En canto á data de toma de...