Novas por contido

No DOG do 3 de xullo de 2013 publícase a formalización dun contrato de Augas de Galicia con Aquática Ingeniería Civil S.L. para elaborar os mapas de perigosidade e risco de inundación para Galicia-Costa: zona hidrográfica de Galicia Centro. O importe total é de 559.296,94 € e o prazo de execución é de 18 meses.

Chama a atención que o órgano responsable da xestión dos recursos hídricos do noso país teña que andar subcontratando cuestións estratéxicas das súas competencias como son a elaboración de mapas de perigosidade e risco de inundación. Estes mapas entran dentro do ámbito do coñecemento da xeoloxía pero tamén de certas ramas de enxeñería ou ciencias ambientais, especialidades que podemos atopar entre as categorías laborais ou escalas da nosa Administración autonómica. Xa que logo, e vendo que existen cartos (559.296,94 €), a pregunta clave é a seguinte: por que este traballo estructural non se fai con recursos propios e poder así encargarse Augas de Galicia de xeito directo e autónomo deste tema?

No eixe prioritario de intervención da Unión Europea do Medio Ambiente hai unha liña de actuación específica para financiar estudos encamiñados a determinar as potenciais zonas de inundación e a localizar os contornos degradados, propoñendo medidas para paliar estes problemas. Como o 80% dos cartos das actuacións que se fagan nos temas de inundación caen directamente na caixa do capítulo VI resulta moito máis manexable subcontratar este traballo cunha empresa privada de enxeñería civil.

Augas de Galicia, como parte da macroconsellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, é un organismo autónomo que resulta alumno avantaxado da súa consellaría na aplicación da privatización de servizos públicos. De feito o alto nivel de encomendas das súas funcións ou contratacións con asistencias técnicas derivou en varias denuncias de cesión ilegal que obrigaron á consellaría a unha modificación posterior da súa RPT en 2011.

Este tipo de actuacións teñen efectos inmediato sobre o emprego público: diminución dos chamamentos das listas de substitucións, diminución das OPEs, menor número de postos nos concursos, amortizacións e despedimentos de persoal temporal/interino.

Porén, a maiores teñen un efecto máis difícil de percibir sobre a configuración das Administracións e a prestación dos servizos públicos. Vaise creando unha administración máis pequena pero tamén máis politizada. Unha Administración que non por ter menos persoal propio gasta menos senón que os fondos públicos xestiónanse de xeito privado, algo que nos resulta moi próximo e actual no tema da Sanidade de Madrid. Un modelo de xestión subcontratada no que as traballadoras e traballadores privados sofren unha maior precariedade para manter o beneficio empresarial. Porén, tamén perde a cidadanía, perde a proximidade e control da súa Administración, o acceso ao emprego público, a garantía profesional de imparcialidade e independencia da traballadora e traballador público.

A formalización deste contrato é un grao neste castelo de area no que están convertendo os Servizos Públicos as políticas privatizadoras e que non nos cansamos de denunciar. Por certo, seguimos agardando resposta do organismo de Augas de Galicia á nosa petición de información sobre as persoas alleas á Administración que seguen traballando nas súas dependencias.

Outras novas recentes

Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Martes, 27 Outubro 2026

A Xunta pretende pechar en falso a negociación do persoal lingüista (grupo I-40) após dous meses sen facilitar os datos básicos

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais.  O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado...
Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...