Novas por contido

A maquinaria mediática do PP leva meses funcionando e transmitindo que estamos saíndo da crise, a pesar de que a clase traballadora notemos todo o contrario nas nosas condicións laborais, no custo dos produtos básicos e no deterioro dos servizos públicos.

Esta alegría está baseada en certos parámetros macroeconómicos asociados en boa parte a fenómenos conxunturais como a campaña de verán da hostelaría e o turismo. No noso ámbito interno tamén a Xunta trata de producir alegría sen gastar demasiado coa convocatoria de varios procesos selectivos, concursos, xornada de verán, flexibilidade horaria e teletraballo.

Porén, parece que non importa se nos recuperamos, se imos mellor, o que importa é que “pareza” que estamos ben e para iso é moi importante a publicidade e os medios de comunicación. Neste tema, a Xunta de Galiza de Feijóo está resultando un alumno avantaxado e en época de austeridade segue gastando cartos a varrer en publicidade institucional.

Desta volta a Xunta trata de animarnos a confiar nesa recuperación e a emprender en dous ámbitos diferentes pero relacionados: no económico e no reproductivo.

 

Animar o espírito emprendedor

Na semana pasada, e coa súa publicación no DOG o 15/07/2013, non deixou de pasar desapercibido o anuncio de contratación da campaña publicitaria Galicia Emprende por parte da Consellaría de Economía e Industria.

O orzamento son 520.000 € e este executarase na súa totalidade; non pode haber ofertas a baixa no prezo senón á alta no número de anuncios. A parte grosa do orzamento (434.000€) está reservada para pagar a inserción dos anuncios en prensa, radio, TV, páxinas web e valos; 75.000€ son para a parte creativa, deseño e produción da campaña e ata haberá unha mordida de ata 10.000€ en concepto de “comisión de axencia”. A campaña duraría ata finais de ano, unha vez formalizado o contrato.

A dita campaña consiste en “impulsar o talento galego e a innovación empresarial como claves para recuperar o crecemento”. Así en teoría parece moi bonito pero como se vai producir ese impulso? Quizais algunha convocatoria ou liña de crédito específica? Pois non, o impulso vaise producir cunha campaña publicitaria na que se pretende dicir que o noso país é un bo sitio para emprender e darlle un pouco de autobombo á futura Lei galega de emprendemento; máis nada.

Emprendemento a parte, cómpre facer unha reflexión sobre que por si só o aumento de empresas rexistradas non supón unha saída da crise. Desde o punto de vista de economía de mercado, o que crea postos de traballo non é a creación de proxectos empresariais, senón o consumo. E na nosa terra a maior parte dos proxectos empresariais, pequenas empresas e autónomos, dependen fundamentalmente do consumo interno. Baixo unhas condicións laborais empobrecidas, a capacidade de consumo da clase traballadora está igualmente emprobrecida. Xa que logo, por moito que se estimule o emprendemento, non vai valer para nada se non hai ninguén do outro lado do mostrador que compre o que a outra persoa intenta vender.

 

Animar o espírito reproductor

O pasado 17 de xullo a Consellaría de Traballo e Benestar remitiu ao DOUE o seguinte anuncio de contrato público: servizo consistente no desenvolvemento da campaña publicitaria de sensibilización para a dinamización demográfica de Galicia.

O orzamento son de 640.000 € cunha duración ata marzo do 2014 desde que se formalice o contrato. A parte grosa deste orzamento (565.853,66 €) está tamén reservada para pagar a inserción dos anuncios nos medios de comunicación, concepto este para o que se reserva unha ridícula posibilidade de oferta á baixa de 853,66 €. Porén, neste caso hai menos cantidade para pagar ao equipo creativo, de deseño e produción da campaña (un máximo de 60.000€). Por suposto, tamén se reserva unha porcentaxe de ata un 2,5% de “comisión de axencia” (14.000€).

Esta campaña publicitaria enmárcase dentro do Plan de dinamización demográfica que foi aprobado no Consello da Xunta o pasado 5 de abril. O dito plan pretende ser un freo ao crecemento vexetativo negativo da poboación galega, cunha poboación moi avellentada e onde se segue producindo unha forte emigración. Nese plan hai unha batería de 71 medidas entre as cales deciden empezar pola “sensibilización” deste problema e non polo reforzo dos servizos sociais, por exemplo.

Entre a batería de medidas danse unha serie de pinceladas sobre medidas concretas que teñen que ver coas desgravacións fiscais, o impulso dos servizos sociais (casas niño ou servizos de atención no fogar), co acceso á vivenda ou abaratamento do transporte público pero que presentan un escaso financiamento para que teñan un impacto efectivo.

En calquera caso, cómpre facer fincapé en que a cidadanía galega ten razón en preocuparse polo traballo en primeiro lugar. Sen traballo, as mozas e mozos do noso país encamíñanse cara fóra, cara a precariedade ou cara o desemprego. E baixo unha situación de desemprego, boa parte destas “futuras medidas” que se van anunciar cunha dotación orzamentaria escasa non van servir para nada. Medidas sobre as que cabe preguntar se o Goberno da Xunta respectará tamén eses incentivos para as nais solteiras (ou matrimonios do mesmo sexo) ou vai proxectar as mesmas indicacións excluíntes da Ministra Ana Mato no financiamento público da reprodución asistida.

 

Preocupación das empregadas e empregados públicos

As empregadas e empregados públicos da Xunta de Galiza preocúpanos ver esta clase de gastos nos que se di que se fai ou que se vai facer sen que realmente sexa certo ou que haxa detrás o investimento público necesario para conseguilo. Nestes casos, existe unha desproporción evidente entre o que se gasta en publicidade e a inversión real que despois aparece detrás. Á sociedade galega pídeselle esforzos e máis esforzos e o único que se lle da a cambio é fume. É o noso deber como traballadoras e traballadores públicos denunciar esta clase de gastos e pedir que non se detraian máis cartos dos servizos públicos galegos para esta clase de campañas publicitarias desproporcionadas cuxo único obxectivo resulta ser a autopromoción do goberno da Xunta.

Outras novas recentes

Mércores, 11 Setembro 2024

Eloína, a curmá de Feijoo, enchufada ás agachadas sen nomeala por libre designación

Utilizan en fraude de lei a figura da comisión de servizos, que a lei establece como excepcional, para que non tivera publicidade a través do DOG. Cando se soubo que Eloína Núñez pasou a desempeñar o posto de subdirectora xeral houbo quen pensou que o seu nomeamento se publicaría no DOG despois de convocar o posto polo procedemento de libre designación. Pero isto implicaría...
Mércores, 11 Setembro 2024

RPT Agacal, RPT de funcionarización (para MSF e MX 13/09/24)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos e da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, que serán o venres 13 de setembro, coa seguinte Orde do día: Para a MSF: RPT de AGACAL. Descargar (comentar que a anterior xuntanza foi en SETEMBRO DO 2023) Para a MX RPT de funcionarización de...
Xoves, 19 Setembro 2024

Concurso de estabilización do subgrupo C2 e grupo IV: baremación provisional da fase de concurso

No DOG do 19/09/2024 publican dúas resolucións coa baremación provisional do concurso de méritos de varias escalas do subgrupo C2 e categorías do grupo IV: Baremación provisional do concurso de méritos dos corpos, escalas e especialidades do subgrupo C2 que se relacionan: Escala de persoal de servizos xerais (PSX) Escala de auxiliares de clínica Escala de xerocultor/a...