Novas por contido

Nunha época de constantes recortes no emprego público, sen oposicións, de amortizacións de prazas e de compañeiras e compañeiros que acaban no paro, é esta a única porta de entrada na Administración?

Actualmente, a Consellaría de Medio Ambiente, Transportes e Infraestruturas está a proceder coa reforma da súa relación de postos de traballo. Dentro desta modificación, aparecen multitude de prazas de nova creación que proveñen de contratacións feitas por medio dunha asistencia técnica, ou sexa, unha empresa que realiza as funcións propias da Administración de xeito externalizado.

O que podería ser unha solución para un problema puntual, que a propia Administración xerou pero do que ninguén se fai nunca responsable (a pesar de que a nova lei da Función Pública, aínda non en vigor, prevé a esixencia de responsabilidades aos altos cargos que incorran nestas situacións) non é un punto final, é un punto e seguido.

Na actualidade, hai asistencias técnicas nesa consellaría facendo labores propias do persoal funcionario administrativo, tales como arquivo de documentación ou tramitación de expedientes contables e de contratación, persoal contratado a través das empresas Tragsa e Tragsatec. Incluso un secretario xeral  e unha subdirectora teñen secretarias persoais a través destas empresas.

Máis que indecente, á CIG parécelle inmoral e incluso provocador que se estea tramitando unha RPT, creando prazas porque así o ordena un xulgado e, no canto de dar carpetazo a esta situación, se estean promovendo ao mesmo tempo novas contratacións e dando de comer ás empresas de sempre mentres se destrúe emprego público e se bota á rúa a persoal que accede a postos de traballo mediante procedementos obxectivos e públicos.

A situación chega ás veces a límites insospeitados, son capaces de darlle forma administrativa nesta modificación da RPT a un traslado forzoso ao que se ve sometida unha funcionaria á cal se lle baleira de funcións para darlle estas a outra persoa que accede por unha asistencia técnica.

Ademais, a Xunta vai ter que dar unha explicación á resposta que emitiu o 8 de marzo deste mesmo ano a unha pregunta parlamentaria onde se lle pedía o número de persoas e funcións do persoal contratado nun departamento concreto desa consellaría. O tempo amosa que a resposta non obedece á realidade da situación laboral dese departamento administrativo, que era mentira o que nos dixeron: hai máis asistencias técnicas das que recoñeceron nese momento e, a maiores, estas están facendo labores propias do persoal funcionario, algo que tamén negaron.

A CIG está farta de que se utilice a Administración como se fose o “cortijo” particular dos “señoritos” de turno que gobernan a Xunta. Denunciamos estes casos porque é o xeito de defender o emprego público e aos empregados e empregadas públicas, non imos consentir que fagan o que lles pete sen ter en conta os procedementos legais establecidos. A Xunta actúa deixando en mans do xulgado o que se ten que facer tal e como a normativa vixente marca, respectando os criterios de igualdade, mérito e capacidade.

Loitamos por uns servizos públicos para a cidadanía galega, algo que debería de facer a Xunta de Galiza pero que non o fai, algo que debería de ter claro unha Administración Pública que ten a obriga de velar e respectar os dereitos dos seus cidadáns e dos seus empregados públicos.