Novas por contido

A CIG avalía como un grande éxito que o Parlamento aprobara por unanimidade a Iniciativa Lexislativa Popular que presentamos en demanda dunha tarifa eléctrica galega e contra a pobreza enerxética

O Parlamento de Galiza acordou este martes, día 26 de xaneiro, tomar en consideración a ILP impulsada pola CIG en demanda dunha tarifa eléctrica galega e de medidas que permitan combater a pobreza enerxética. Para a central sindical conseguir que se inicie a tramitación parlamentaria deste texto, que chegou co aval de preto de 18.000 sinaturas, o apoio das deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra e máis de 50 concellos, entre eles os de 6 das 7 grandes cidades de Galiza, é un grande éxito.

A Iniciativa Lexislativa Popular propón, como cuestións esenciais, unha tarifa eléctrica galega cunha bonificación nas peaxes do 30% -por ser Galiza quen produce, quen exporta e quen sofre as consecuencias sociais, económicas e mediomabientais da produción eléctrica- e o acceso á enerxía como un dereito social.

Define a pobreza enerxética como a que padece unha unidade familiar que destina máis do 10% dos seus ingresos ás factura da luz e gas e non consegue manter a vivenda e unha temperatura de entre 18 e 21 graos e demanda que, nestes casos, a administración pública asuma os gastos enerxéticos. Para a CIG é inconcibíbel que nun país excedentario como o noso haxa xente sen luz na casa e sen poder acender unha calefacción.

Contempla tamén a necesidade de garantir a presenza pública da Xunta de Galiza no sector enerxético e unha tarifa eléctrica industrial para que as grandes consumidoras non dependan do actual sistema de poxa anual, facilitando así os investimentos a futuro, o mantemento do emprego, a instalación de novas industrias e a creación de emprego. Isto xunto coa potenciación das enerxías renovábeis, do autoconsumo, do aforro enerxético ou a inclusión de Galiza no Plan Carbón Estatal, entre outras.

En relación á repercusión mediática, a CIG lamentamos o intento de ocultación, ou directamente a censura, desta información en certos medios de comunicación.

Malia as relevantes cuestións que nesta ILP se tratan, e o avance que supón que se abra o debate arredor das mesmas no Parlamento de Galiza atraves dunha iniciativa popular, houbo medios que directamente optaron por censurar esta información. Outros, dos que si lle deron cobertura, decidiron relegar á CIG a un recuncho da información, cando de non ser polos esforzos feitos pola nosa central sindical hoxe, esta cuestión, non sería noticia.

O exemplo máis flagrante de censura, á que por outra banda a CIG xa está afeita, é o da Voz de Galicia. Desta sesión parlamentaria, este xornal nada di desta ILP, pese ser aprobada por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, incluído o PP, e, moito menos referencia algunha á CIG, que foi quen a impulsou.

Resulta rechamante esta ocultación, non xa porque a ILP a presentara a CIG, senón tamén polo feito de que se lle negue relevancia ao debate, e neste caso aprobación, dunha iniciativa popular, que en Galiza para que sequera chegue ao Parlamento, debe contar co apoio de, cando menos 10.000 sinaturas. E máis cando o 83% das ILP que chegan ao Parlamento, segundo os datos barallados cando se debateu a nova lei pola que se rexen as ILP, son rexeitadas.

Tampouco aparece nada publicado ao respecto en Diario de Pontevedra, El Progreso ou El Ideal Gallego e Diario de Ferrol só recolle unha breve referencia de 11 liñas a esta información baixo o titular de “El Gobierno gallego ayuda a 3.500 hogares a ahorrar el 50% de su gasto energético”.

Fronte a isto xornais como Faro de Vigo, El Correo Gallego , La Opinión e La Región danlle unha maior cobertura, aínda que nos dous primeiros haxa que buscar no texto a referencia a quen a promoveu –a CIG- que si se salienta nos dous últimos, ao igual que fixeron as radios e televisións.

Para a CIG é unha enorme satisfacción que se aprobara a toma en consideración desta ILP. Apartir de agora, o noso obxetivo vai ser desenvolver toda unha serie de de actuacións para que o resultado final que saia da tramitación no Parlamento Galego sexa, como mínimo, o que nos presentamos, convidándovos a que participedes con nos a que así sexa.

Outras novas recentes

Mércores, 15 Mai 2024

Souto de Leixa: o público é servizo, o privado beneficio

O goberno de Alfonso Rueda volve a ofertar a mans privadas a xestión do centro ocupacional Souto de Leixa, que atende a persoas adultas discapacitadas, e que xa leva varios lustros dunha desastrosa xestión privada. Nesta ocasión queren concederlle unha concesión por 12,7 millóns en 4 anos. Alá polo ano 2010 as nais e pais de alumnado do centro “Souto de Leixa” agardaban...
Martes, 07 Mai 2024

Convocatoria do concurso de traslados de corpos xerais

Recibimos unha comunicación da Dirección Xeral do Emprego Público e Administración de Persoal (antiga DXFP), na que confirman que o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (corpos xerais), será publicado no DOG do mércores 15 de maio. O prazo para a presentación de solicitudes de...
Martes, 07 Mai 2024

Un listado de postos do C1 (administrativo) moi desequilibrado territorialmente

A CIG ten manifestado en innumerábeis ocasións que para os actos de elección de destino o listado de postos ten que responder a varios criterios, e que un deles debería ser o do reparto por toda a xeografía galega. Non parece ser este o criterio seguido por Función Pública no caso deste listado de postos para a toma de posesión do corpo administrativo (subgrupo C1) cando...