Función Pública confirma que os primeiros exames, comezando pola funcionarización do persoal laboral fixo, van ser na primeira semana de outubro.

A Xunta decidira por maio aprazar todos os procesos selectivos ata pasar o 1 de outubro. Segundo o conselleiro de Facenda, porque llo pediron algúns sindicatos nunha conversa entre amigos (non existiu negociación). Daquelas a CIG defendeu que non era bo paralizar todo ata unha data determinada, que o correcto era reactivar todo en canto as condicións o permitisen, fose antes ou despois do 1 de outubro.

Chegamos a esa data, e o nivel de contaxio volve a ser perigoso. Que facemos? Debe a Xunta retomar os procesos selectivos?

A maioría das consultas que recibimos do persoal laboral fixo que se presenta á funcionarización é que se adie o seu proceso (que segundo informan en Función Pública, vai ser xa na primeira semana de outubro). Por contra, entre a xente que se presenta por acceso libre hai intereses contrapostos entre quenes queren retomar xa os procesos, e quenes pensan que a situación non o aconsella.

A decisión que tomaron o conselleiro de Facenda e o director xeral de Función Pública, non negociada (polo menos coa CIG, o sindicato maioritario da Administración Autonómica), ten moitas eivas:

  • Están prohibidos certos eventos que agrupan a moita xente, como verbenas, espectáculos deportivos, etc. É máis seguro que eso xuntar a facer un exame a varios milleiros de persoas nun recinto por moi grande e amplo que sexa?

  • Teñen previsto un plan preventivo ante o COVID-19 que garanta a saúde das persoas que se presenten aos exames? Se existe, a CIG non o coñece.

  • Que solución lle van dar ás persoas que ainda non estando contaxiadas teñan obriga de gardar corentena e por tanto non se poidan presentar? Vanlle dar a opción de presentarse pasada a corentena? Ou obrigarán á xente a saltarse a corentena, mesmo a non acudir ao médico ante unha sospeita de contaxio ou contacto para que non lles decreten un confinamento?

  • A Xunta de Galiza lánzase a retomar os procesos selectivos. A pesares da dificultade que suporá vincular posíbeis contaxios co evento masivo, van asumir responsabilidades coas persoas que se contaxien? 


Señor director xeral de Función Pública, señor conselleiro de Facenda, poñan por diante a saúde das persoas e en consecuencia reflexionen se os datos sanitarios aconsellan ou non retomar xa os procesos selectivos, elaboren un plan preventivo (que deben trasladar á representación sindical), estuden as consecuencias do que pode implicar agrupar a milleiros de persoas ou deixar sen exame a quenes, contaxiados/as ou non, teñan que gardar corentena.