Novas por contido

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou o mércores 29 de abril que ía propor aos sindicatos aprazar os procesos selectivos de persoal laboral e funcionario de administración ata pasar o 1 de outubro. E os concursos? E as tomas de posesión? Todo parado polo coronavirus?

Unha hora despois de enterarnos pola prensa das declaracións do conselleiro, recibimos a chamada dun subdirector da mesma consellería para “informarnos”, e de paso, así como disimulando que están a negociar, pedir a nosa opinión de se o anuncio das datas dos exames deberían facelas con dous ou tres meses de antelación. 

Seica outros sindicatos pediron o aprazamento. E o conselleiro, moi dialogante el, fixo caso. Ah!, pero resulta que a CIG, sendo o sindicato con maior representación na nosa Administración, non aplaude. Así que limita a negociación a unha simple conversa cos que son os seus amigos.

Que facemos entón?

Nós, a CIG, que durante esta crise do COVID19 puxemos varias denuncias na fiscalía, na inspección de traballo, na subdelegación do goberno, e moitísimas máis na prensa, non vamos ser quenes incitemos a que milleiros de persoas se congreguen a realizar un exame no medio do lio no que estamos. Pero pensamos que paralizar todo ata o 1 de outubro e despois xa se verá, non é a única opción.

Para a CIG, non é lóxico poñer agora unha data de referencia para facer os exames. No seu lugar, queremos que unha vez que Sanidade decrete que o risco para a saúde é baixo e por tanto se permitan aglomeracións, ese mesmo día comecemos a contar un ou dous meses para realizar os exercicios pendentes. Pero mentres tanto se poden ir facendo cousas. Hai xente que sabe dende fai meses que superou un proceso e continúa agardando pola elección de destino (podería organizarse sen requirir presenza física); hai procesos que poden avanzar coa publicación de persoas admitidas/excluídas.

Negociar as bases dun concurso de traslados tamén pode facerse a distancia. E sacar un listado de prazas para solicitalas tampouco require aglomeración de xente. 

Concursos e oposicións: paralizados dende fai tempo

O asunto do coronavirus é un problema gordo e serio. Pero a verdade que o atraso na convocatoria e xestión de concursos de traslados e procesos selectivos é algo estrutural, non só circunstancial a causa do coronavirus. Estes son só algúns exemplos do ben que xestionan o conselleiro de Facenda e o director xeral de Función Pública:

Proceso selectivo á agrupación profesional-subalterno: son 205 prazas ofertadas no ano 2018. A convocatoria do proceso tivo que agardar ata o 11/marzo/2019, con previsión de que os exames serían despois de sete meses (outubro-2019). Cando faltaba un día para cumprir un ano dende a convocatoria, o día 10/marzo/2020, por fin, publicaron a lista provisional de persoas admitidas e excluidas. O proceso xa tiña que estar rematado, pero máis de un ano despois, as 16.000 persoas que nos din que solicitaron participar nen sequera saben se están definitivamente admitidas ou excluídas. Culpa do covid19?

O resto de grupos dentro de corpos xerais (A1, A2, C1 e C2), tanto de acceso libre como promoción interna son prazas da OEP do 2017. Tivemos que agardar ata marzo do 2018 para que publicasen a convocatoria. A situación é diferente dependendo do grupo, pero en maio de 2020, ainda están sen rematar, tamén por culpa do coronavirus, supoñemos:

Subgrupo

Convocatoria

Última Resolución en DOG

Seguinte Resolución pendente de adoptar

A1 (PI)

08/03/18

07/02/20 (presentación de méritos)

O tribunal ten que publicar XA a resolución provisional de méritos

A1 (libre)

07/03/18

18/03/20 (notas 4º exercicio)

Comezarán a correr os prazos tras o estado de alarma

A2 (PI)

08/03/18

04/03/20 (baremación provisional)

Comezarán a correr os prazos tras o estado de alarma

A2 (libre)

07/03/18

21/02/20 (aprobados 3º exercicio)

Non hai 4º exame (todos cumpren requisito). Publicar resolución de aspirantes que superaron o proceso selectivo

C1 (PI)

08/03/18

19/02/20 (aspirantes que superaron o proceso)

Convocar acto de elección de destino

C2 (PI)

08/03/18

21/02/20 (baremación provisional)

Publicar resolución definitiva de méritos

C2 (libre)

07/03/18

12/12/19 (aspirantes que superaron o proceso)

Pendentes de acto de elección de destino de C2-PI


Proceso selectivo á escala de veterinarios/as: no ano 2017 ofertaron 25 prazas; sen chegar a convocalas, no 2018 ofertaron outras 38 prazas; ao ano seguinte, 2019, ofertaron outras 12, ainda sen convocar as de 2017 e 2018. Por fin a convocatoria das 75 prazas dos tres anos foi aprobada o 14 de febreiro do ano 2020. O seguinte paso debía ser inmediato: a publicación da convocatoria en DOG. Tiveron tempo para facelo, pois non foi ata xusto un mes despois, o día 14 de marzo, cando se decretou o estado de alarma. Non o fixeron, e dous meses e medio despois de aprobarse a convocatoria, non existe publicación oficial, ninguén pode solicitar participar, o temario e os tipos de probas non son públicos.. Todo por culpa do covid19. 

Seguindo en veterinarios/as, se vamos á convocatoria anterior, a cousa ten ainda máis coña. Falamos de 55 prazas ofertadas no ano 2015. Non foi ata agosto de 2017 cando a convocatoria foi publicada en DOG. As persoas aprobadas tiveron que agardar ata decembro-2019 para ver  seu nome na relación de aspirantes que superaron o proceso. Estamos a maio de 2020 e as persoas que aspiraron a esas 55 prazas ofertadas no 2015, ainda non tomaron posesión do seu destino. 

Liando máis a cousa, o lóxico é que para darlles destino aos 55 veterinarios/as anteriores, previamente fose resolto un concurso de traslados. Levamos anos escoitando o mesmo, que para o trimestre que ven nos enviaban o borrador das bases do concurso, e nada. Por fin, o 08/xaneiro/2020, recibimos un primeiro borrador ao que fixemos alegacións só uns días despois. Estabamos a primeiros de xaneiro, non había coronavirus, pero a negociación do concurso non avanzou nada máis. Por tanto, o persoal continúa sen concurso dende que o anterior foi resolto en maio do ano 2012.

O concurso de traslados de corpos xerais tiña que sair convocado por setembro do 2018, pero non foi ata novembro de 2019 cando apareceu no DOG, algo máis de tres anos despois da toma de posesión do anterior concurso. O previsto é que en xaneiro do 2020 sería pública a relación de prazas e a solicitude das mesmas. Esto non sucedeu, sequera en ausencia de coronavirus. 

Xa nin vergoña temos para relacionar a chea de corpos/escalas/categorías que levan sen concurso 10, 15.. anos. A culpa tamén será do coronavirus.