1. Proposta de modificación estatutos do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, para a continuidade de actuacións do acordo entre a Xunta de Galiza e as organizacións sindicais para a integración do persoal do Consorcio Galego no convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galiza.

A CIG vota a favor desta modificación estatutaria que obrigará a que os procesos selectivos e as listas de agarda sexan convocados e xestionados pola Dirección Xeral da Función Pública da Xunta de Galiza.

2. Proposta de acordo polo que se aproba un plan de carácter temporal en materia de persoal para aplicar as actuacións para evitar a propagación dun abrocho de covid-19 previstas no protocolo conxunto da Consellaría de Sanidade e da Consellaría de Política Social para facer fronte á crise sanitaria provocada polo virus sars cov-2 nos centros residenciais de persoas maiores e noutros centros sociosanitarios da comunidade autónoma de Galiza.

A CIG recoñece que tanto a Consellaría de Política Social como Facenda aceptaron importantes alegacións que achegamos tanto na mesa previa como na mesa xeral e que se substancia no seu carácter voluntario e no incremento de ata case 300€ mensuais do complemento de singularidade por responsabilidade.

Aínda así, a CIG votou en contra xa que non podemos facilitar que se detraian efectivos das residencias públicas para superar as deficiencias das privadas que só buscan a maximización dos seus beneficios en detrimento dos coidados aos nosos maiores.

3. Solicitude adhesión do sindicato SEPGA ao Acordo para a ordenación e mellora da prestación de Servizos Veterinarios no ámbito da Xunta de Galiza.

A CIG vota en contra xa que esta organización sindical non está lexitimada ao ter unha representación insuficiente que lle impide formar parte da Mesa Xeral da cal se deriva o Acordo dos Servizos Veterinarios. Ademais, salientamos aquí a teima da Administración de querer colar a este sindicato amarelo nos foros de negociación sen estar lexitimado.

O director xeral de Función Pública non posibilitou os rogos e preguntas que quedarán para a vindeira mesa xeral convocada para o 01/12/20, e concretou as seguintes cuestións:

a) Vacacións e asuntos persoais: están a estudar a solicitude da CIG de poder desfrutar das vacacións e AP´s do 2020 máis aló do 31 de xaneiro.

b) Decreto de Oferta de Emprego Público 2020, irá para a mesa xeral deste martes, 1 de decembro.

c) Oferta de Emprego Público 2021, se negociará ao longo do 1º trimestre do vindeiro ano.

d) No foro da Comisión de Coordinación de Emprego Público, a Xunta propón a modificación do EBEP para que nas vindeiras OEP´s se poidan incluír tódalas vacantes, incluídas as xubilacións, sen que computen na taxa de reposición. E adicionalmente que se poida incluír ata o 80% das prazas das que se teña previsión de quedar vacantes por xubilación no seguinte ano, co fin de que cos aprobados dos procesos selectivos se poidan cubrir ditas prazas. O que non pediron mentres gobernaba o PP o piden agora.

e) En breve se publicará a nova regulación sobre o teletraballo.

f) Procesos selectivos: os xa iniciados se retomarán pasado o mes de febreiro. Na proposta de modificación da Lei de emprego público se contempla a posibilidade de realizar exames en varias sedes e varias quendas ou días.