A CIG solicitou a convocatoria da comisión de seguimento do Acordo de Integración no V Convenio do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Na Resolución de 8 de xuño de 2017 (DOG 30/06/2017) publícase o Acordo de integración do Consorcio Galego de Servizos de igualdade e Benestar no V Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral da Xunta, e constitúese unha comisión de seguimento para velar polo cumprimento do dito Acordo e dirimir todas aquelas cuestións susceptibles de interpretación e/ou negociación.

O día 29 de decembro de 2020 publícase no DOG a Oferta de Emprego Público do ano 2020, no que se  recollen prazas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Algunhas delas están ocupadas permanentemente por persoal temporal dende o ano 2007, que teñen o carácter de indefinido non fixo, e que superaron un concurso-oposición para acceder a postos temporais. O resto das prazas que se contemplan nesta OEP son as creadas e ocupadas entre os anos 2007 e 2017, ambos os dous incluídos.

A CIG insiste en que se negocie a relación de postos de traballo coa identificación correcta das prazas e solucionar as eivas que están a impedir, entre outras cuestións, a baremación das listas de agarda e identificar con claridade cal é a situación contractual de cada posto ocupado na actualidade.

Para tratar estas e outras cuestións que afectan practicamente a todo o cadro de persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e, xa que logo, pode causar grande impacto en todo o servizo e nas traballadoras e traballadores solicitamos, con carácter urxente, a convocatoria da dita comisión de seguimento do Acordo.

Dende a CIG informaremos puntualmente de todas aquelas cuestións que se traten e que afecten ao cadro de persoal.