Novas por contido

A piques de rematar o ano 2020, entre dias festivos, como para disimular, a Xunta publica no DOG do 29/12/2020 a Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2020 (tres días máis, e xa sería a do 2021).

Esta OEP foi aprobada na Comisión de Persoal do día 2 de decembro, co voto a favor de CCOO e UGT, e o voto en contra de CIG e CSIF.

O Goberno galego non crea nin un só posto de traballo novo, limitándose a repoñer exactamente as mesmas 562 baixas do ano anterior, e a ofertar postos que xa existen, ocupados por persoal interino e temporal, xunto cunha promoción interna insuficiente e o proceso de funcionarización do persoal laboral que xa é fixo.

O que segue é o que publicamos cando informamos da aprobación da OEP na Comisión de Persoal. Tan só engadir que falta por publicar a OEP-2020 das escalas sanitarias

A promoción interna

Queda aprobada unha promoción interna de 320 prazas para corpos xerais, separada do acceso libre, e outras 73 para Augas e AXI. En canto á Administración especial, tan só ofertan 2 ridículas prazas.

A maiores, comprométense a sacar en promoción interna o 25% das prazas de acceso libre. Pero ollo, que esa porcentaxe non se pode aplicar sobre as 562 prazas totais de acceso libre, senón individualmente sobre cada unha das escalas, tendo efectos ese 25% unicamente naquelas escalas en que haxa un número suficiente de prazas. O director de Función Pública rexeitou a proposta da CIG de aplicar o 50% de promoción interna á oferta de acceso libre, e unila á oferta de promoción interna separada.

Rexeitou tamén a nosa petición de facilitar a promoción interna horizontal e cruzada. Non entendemos a negativa a facilitar que calquera persoal funcionario que teña a titulación académica necesaria poida presentarse para ascender e cambiar de escala. Evidentemente, con reciprocidade en todas as escalas.

Néganse a falar de calquera opción que facilite conservar a localidade a quen promocione. Esa postura do Goberno implica que para moita xente que vive en determinadas localidades, a promoción é un salto que carece de interese.

O único que dixeron estar dispostos a estudar é non obrigar a permanecer no posto a quen ocupe un aberto ao grupo inmediato superior, de xeito que poida escoller destino se lle interesa. Pero no documento aprobado non aparece tal opción. Esperemos que o texto que saia no DOG si recolla esa proposta da CIG.

Estabilización e consolidación

Estamos pola redución da inaceptable alta temporalidade que temos na Administración Autonómica, consecuencia de anos de recortes, baixas taxas de reposición de efectivos, e continuos contratos en fraude de lei. A tal efecto, apoiamos a oferta mediante concurso-oposición.

Respecto dos contratos como persoal indefinido por sentenza xudicial, nada temos en contra dos traballadores e traballadoras que defenden xudicialmente os seus intereses ante os abusos da Administración. Pero ao tempo esiximos a cabeza das persoas que por acción ou omisión son causantes de que ano tras ano teñamos sentenzas por contratacións en fraude de lei. A maiores das responsabilidades administrativas que deberían aplicárselles, esiximos responsabilidades xudiciais.

Funcionarización do persoal laboral fixo

A CIG mantén que a funcionarización do persoal laboral fixo, que vai tamén nesta OEP, ten que ser un proceso posterior á convocatoria previa dun concurso de traslados como persoal laboral, un proceso selectivo con promoción interna, e unha negociación das RPTs.

Porén, os asinantes do Acordo de concertación, CCOO, UGT e Xunta, manteñen a chantaxe ao persoal laboral fixo para que acepten a narices renunciar ao seu actual vínculo e ser nomeados funcionarios/as. Porque quen non acepte non cobra a carreira profesional, non terá concurso de traslados, non poderá promocionar, non terá postos aos que moverse, non pasará de 9 a 12 meses no caso do SPIF ..

CCOO, UGT e Xunta manteñen o seu Acordo, e obrigan ao persoal laboral fixo a lanzarse ás cegas e baixo chantaxe.

Servizo de incendios

Dende a CIG mantemos a nosa postura de que no SPIF debería terse feito primeiro un proceso selectivo de consolidación como persoal laboral, postura que xa manifestamos en diversas ocasións e que caeu en saco roto. Pero en vez diso, optaron pola vía do Acordo de concertación e sacar as prazas do servizo de incendios en convocatorias de persoal funcionario.

Algún sindicato manifestou que a CIG non defendeu ao persoal do servizo de incendios, pero a realidade é que estas convocatorias de OPE sí que NON defenden ao persoal do SPIF, e a Xunta e asinantes do Acordo de concertación xa tiveron claro cal era o camiño que querían seguir. Ao resto só nos quedou ter que aplaudir os seus feitos consumados.

O grupo B

A Administración convoca prazas en acceso libre, estabilización, consolidación e funcionarización ao grupo B para delineantes, axentes técnicos en xestión ambiental, escala técnica do servizo de incendios, xardín de infancia, bombeiros forestais..

Pero, que pensan facer coas persoas que xa son persoal funcionario de carreira desas mesmas escalas e que permanecen no subgrupo C1 mentres outros compañeiros e compañeiras entrarán directamente no grupo B? A CIG esixe o cumprimento dos acordos de promoción interna que no seu día asinamos coa Xunta.

Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

No ano 2016 a CIG asinou un acordo coa Xunta que indicaba que dende o ano 2017 e sucesivos habería oferta de emprego do consorcio. E como de costume, o goberno galego non cumpriu. Por fin chegou o día e na OEP 2020 van prazas do consorcio. Pero temos dúbidas que o director de Función Pública non acaba de respondernos:

Di que están a ofertar categorías completas. Pero, por exemplo, en todo o Consorcio tan só hai 2 mestres/as? Esto non é correcto, pero os números non cadran.
Se teñen as cousas tan claras, e xa que no Consorcio non existe RPT, reclamamos unha relación do que quedaría por convocar (limítase a dicirnos que sairá na OEP do 2021).

Chegados a este punto, despois de tantos anos de incumprimentos e atrasos, reclamamos que convoquen todas as prazas xa, nesta Oferta.

Cixtec

O Cixtec é un ente que botou anos ás voltas. Finalmente semella que vai integrarse en Amtega e a tal efecto xa nos enviaron unha proposta de modificación de estatutos (teñen intención de aprobalo en Comisión de Persoal neste mes de decembro).

O caso é que din que na Oferta van as prazas, pero non lles peta entregarnos un listado desagregado para que poidamos verificar que as cousas están ben feitas. Tan só din que son 78 prazas, máis outras cinco que non fai falla funcionarizar porque as persoas titulares son persoal funcionario en excedencia. O conflito vai vir cando lles asignen a escala, xa que estas persoas non eran das escalas de informática. Tampouco resposta.

A bandazos cos procesos selectivos

Outra das demandas da CIG é que se deixen de andar a bandazos e se senten a negociar criterios racionais nos procesos selectivos.

Non pode ser que procesos similares do mesmo subgrupo teñan tipos de exames e cantidade de temario tan diferentes entre o negociado un día e o negociado un mes máis tarde. Ou algún caso en que ao persoal subalterno se lle esixía máis coñecemento en procedemento administrativo que ao persoal dunha escala do subgrupo A1. Ou promocións internas moito máis difíciles que o acceso libre. Ou subgrupos inferiores con máis exercicios que subgrupos superiores..

Ao director xeral de Función Pública (e compañía), importalle un pito esta reclamación da CIG.

O ritmo na execución das ofertas

Simplemente inaceptable que escalas ofertadas no 2015 elixan destino no 2020. E por riba ese destino é provisional, porque non hai concurso de traslados. Esta oferta se suma ás tres anteriores, que ainda teñen bastante sen executar. Nin tan sequera está rematada a OEP do 2017.

Anunciar ofertas de emprego é de balde e unha medida de cara á galería se non se executan.

Función Pública ten que poñerse as pilas e axilizar tanto os procesos selectivos como os concursos de traslados, de xeito que estes últimos estean resoltos a tempo para que as persoas dos procesos selectivos poidan ter un destino definitivo, e nun prazo de tempo razoable.

Unha falsa negociación

O proceso de negociación quedouse na faciana no que respecta á CIG: mentres que algúns sindicatos amigables participaron nas xuntanzas con evidente coñecemento previo da proposta, a CIG, o sindicato maioritario na Administración Autonómica, recibiu a relación de postos o luns 30 ás 14h, para discutila co director xeral de Función Pública ao día seguinte ás 9h, e a continuación, ese mesmo día, Mesa Xeral de negociación ás 12:30, para rematar coa Comisión de Persoal ao seguinte día. É dicir, sen tempo real para difundila e recibir alegacións dos compañeiros e compañeiras.

Outras novas recentes

Mércores, 27 Marzo 2024

Concursos de traslados de consumo, axentes ambientais e gardacostas: admitidos/as-excluidos/as provisional

Dende a Dirección Xeral de Función Pública comunítanos que o vindeiro día 5 de abril publicarán en DOG as resolucións polas que se aproban as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas dos concursos para a provisión de postos de traballo vacantes de: Escala de axentes de inspección, especialidade de consumo. Escala de axentes facultativos ambientais e axentes...
Mércores, 20 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Minas-Bibliotecas-Arqueologos-Museos-Obras Publicas-Arquivos (19/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega os listados de prazas que ofertará para a elección de destino dos seguintes procesos selectivos: A1 Minas A1 Bibliotecas A2 Bibliotecas A1 Arqueólogos A1 Museos A2 Museos A2 Obras Públicas A2 Arquivos Neste lote botamos en falta A1 de Arquivos.
Venres, 22 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Agrupación profesional-Subalterno (22/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega un listado de prazas que ofertará para a elección de destino do proceso selectivo da agrupación profesional - subalterno. A localidade dos postos pode verse no código que vai nas posicións 11 a 15 do código (XX.XXX.XX.XXX.XXXXX.XXX) No mesmo arquivo que poñemos a túa disposición para descargar, vai tamén a RPT íntegra con todos os...