No DOG do 13 de agosto vén de ser publicado o nomeamento do tribunal que deberá cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo facultativo superior da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de veterinarios (subgrupo A1)

A modo de costume arraigada, Función Pública incumpre de novo as instruccións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección como xa fixera co tribunal do anterior proceso selectivo de 2018. Daquela o incumprimento viñera por estar composto o tribunal maioritariamente por funcionarios/as do corpo ou escala de veterinarios/as. Ilegalidade que tras o recurso interposto pola CIG se viron obrigados a corrixir.

Desta volta, o incumprimento vén dado pola composición manifestamente ilegal do tribunal ao ir en contra do apartado terceiro do artigo 4 das anteditas instruccións, que dispón que “Os órganos de selección serán colexiados e a súa composición deberá axustarse aos principios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros, e responderán ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, agás por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas.”

Este incumprimento amosa unha vez máis a necesidade imperiosa dun Plan de Igualdade, que catorce anos despois da aprobación da lei orgánica de Igualdade que estableceu a obrigatoriedade dos Plans de Igualdade no ámbito das Administracións Públicas, a Xunta de Galiza foi incapaz de negociar e aprobar.

Resulta inadmisible e vergoñento que en pleno século XXI na Xunta de Galiza non se teñan superado cuestións tan básicas e de sentido común como a presenza equilibrada de mulleres e homes en tódolos seus ámbitos.

Dende a CIG-Autonómica esixímoslle a Función Pública que tome cartas no asunto e proceda á modificación inmediata da composición do citado tribunal en aras da legalidade e da igualdade plena e efectiva de mulleres e homes.