Novas por contido

Anuncia unha nova diagnose unilateral sen tratalo na Comisión Negociadora como indica a norma

A última reunión foi para constituír a Comisión Negociadora o 23 de decembro de 2020, pero a estas alturas non sabemos se a Comisión está realmente constituída (pois non existe acta da súa creación), nin se contamos con regulamento de funcionamento, nin que datos, método ou prazo entrarán para a diagnose. Non houbo máis reunións nin nos enviaron propostas de ningún tipo.

A finais de xullo, dende Función Pública se nos indicou que estaban a realizar unha diagnose de forma unilateral que se nos presentaría en setembro. Dende a CIG enviamos escrito (09.08.2021) solicitando que se retomara a negociación dos documentos pendentes e se convocara a Comisión negociadora avisando que esa  forma de proceder era contraria a negociación colectiva e a normativa que regula os Plans de Igualdade. Na contestación que nos deu Función Pública, insisten na súa errada idea do que é a negociación e no pouco que lles importa cumprir ca legalidade da Lei Orgánica de Igualdade do ano 2007, e contar cun “conxunto ordenado de medidas adoptadas despois de realizar un diagnóstico de situación, tendente a alcanzar na empresa a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes e a eliminar a discriminación por razón de sexo”. 

Pois ben sr. Director Xeral da Función Pública, a recollida de datos é a chave que permitirá facer unha boa diagnose para facer visíbeis os atrancos e detectar os impedimentos a igualdade  de oportunidades real e efectiva entre o persoal empregado público da Xunta de Galiza. Esta recollida de datos ten que ser sistemática e precisa, recollendo os datos necesarios e obviando os superfluos. E, por suposto, non pode ser decidida de forma unilateral pola empresa (lembramos que na última reunión da comisión só presentaron un borrador que non foi aprobado en ningún momento).

Como é posíbel que 14 anos despois da obrigatoriedade dos Plans de Igualdade para as Administracións Públicas, a Xunta de Galiza non conte con esta ferramenta que analiza a situación nas empresas, detecta posíbeis discriminacións e establece medidas de corrección para avanzar no camiño da igualdade de oportunidades para todos/as? A Administración demostra que sabe negociar en períodos extraordinariamente curtos dependendo da materia de que se trata, pode ser que a igualdade do persoal empregado público non está entre elas.

Pero é que tamén está obrigada pola Disposición Adicional sétima do TREBEP (RDLX 5/2015 do 30 de outubro), e, o que aínda é un maior incumprimento, pola propia lexislación aprobada por vostedes  en Galiza: Art. 72.2 da Lei 2/2015 de emprego público de Galiza e artigos 66 e 67 do Decreto Lexislativo 2/2015, polo que se aproba o Texto Refundido das disposición legais da Comunidade Autónoma de Galiza en materia de Igualdade.
Que é o que pasa na Xunta de Galiza para que se incumpran normas obrigatorias para o común das mortais, e que son esixidas para as empresas privadas baixo ameaza de sanción económica se non contan cun plan de igualdade e un rexistro retributivo a partir de 50 empregados/as? Por que en todos estes anos só estiveron a facer que facían? Xa no ano 2019 presentaron unha diagnose chea de erros cualitativos e cuantitativos,  sen cumprir os requisitos de negociación ca representación do persoal tal e como obriga a lei. Nesta nova oportunidade pretenden facer o mesmo, marearnos outros cantos anos máis.

Dende a CIG solicitamos unha vez máis que se cumpra a legalidade e se elabore o I Plan de igualdade, que afectará arredor de 23.000 empregadas e empregados públicos/as, e que é unha ferramenta indispensábel para garantir a igualdade efectiva de mulleres e homes no traballo, nos salarios, na conciliación familiar-laboral, na promoción laboral, na formación ou na carreira profesional, no teletraballo, etc, eliminando as desvantaxes, dificultades e atrancos que sofren as mulleres traballadoras no seu día a día laboral. 

Como primeira medida positiva e activa para rematar con todos estes anos de pasividade solicitámoslle a Administración Galega que asuma e cumpra ca primeira parte de todo Plan de Igualdade, que é o compromiso do recoñecemento da eficacia e eficiencia das políticas de igualdade de oportunidades na empresa e da implantación do plan do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza dunha forma  pública diante do seu persoal empregado público a través dos medios de comunicación masivos para darlle a mesma importancia que a outros anuncios da Administración noutras materias.

A Xunta de Galiza debe ser parte activa e dinámica na implementación de políticas de igualdade, comezando polo seu propio persoal coa negociación do Plan de Igualdade. Seguir nesta postura negativa e de pasividade só indica a falta de compromiso nas políticas prácticas de Igualdade e que só se fan declaracións institucionais en días sinalados e se aproban Leis que despois non se cumpren. De non modificar esta actitude de machismo institucional, tomaremos as medidas oportunas para que se posibilite a igualdade de oportunidades e rematen moitos dos atrancos existentes que imposibilitan a plena integración da muller na vida laboral.

 

Outras novas recentes

Mércores, 05 Agosto 2026

Xuntanza informativa sobre as eleccións de destino (05/08/26)

Nesta xuntanza comunicáronsenos as datas relevantes de resolucións de adxudicacións de destino, cesamentos, incorporacións, tomas de posesión e outras informacións sobre escolas infantís (A2 e C1), persoal auxiliar coidador, escalas sociosanitarias, e outros asuntos (comisións de servizo, conciliación, adaptacións de postos, prestacións por embarazo e COMEs).
 
Na reunión...
Martes, 04 Agosto 2026

Que vaia facendo balance quen asinou este simulacro de plan de igualdade!

A CIG reclama o rexistro retributivo, imprescindíbel para analizar a fenda retributiva entre mulleres e homes.No mes de xuño a CIG solicitou o rexistro retributivo do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma do ámbito subxectivo do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza, que afecta a máis de 26.000 persoas.A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración do Persoal...
Martes, 04 Agosto 2026

Caos —de novo— nas nóminas de Medio Rural

Máis de 50 compañeiras e compañeiros ven como a Administración lles desconta máis de 1000 euros nas nóminas de xullo.  O caos na xestión das nóminas do persoal de Medio Rural volve quedar en evidencia. Nesta ocasión, máis de 50 axentes ambientais da provincia de Pontevedra sufriron descontos superiores aos 1000 euros na nómina de xullo baixo o concepto «Específico...