Novas por contido

Está a túa disposición a nova ferramenta “Asesoramento Técnico” que permite realizar consultas on line en materia de prevención de riscos e saúde laboral; o acceso ao formulario de contacto pode atoparse na portada da web ou premendo aquí.

O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral vén de publicar o seu boletín número 22, no que, entre outras cuestións, se recollen artigos sobre os riscos novos e emerxentes relacionados coa seguridade e saúde laboral das traballadoras e traballadores maiores de 55 anos; o centenario da OIT e o Informe Executivo da Eurofound: “Traballo sostible ao longo de toda a vida: políticas e estratexias nacionais”, ademais dunha síntese da actividade do propio Gabinete ao longo do ano 2016.

A evolución demográfica dos vindeiros anos, debuxa na UE unha sociedade con altos índices de envellecemento da súa poboación, con previsíbeis e variadas consecuencias en termos de implicacións para o sistema sanitario e asistencial, para o sostemento do sistema público de pensións e para un mercado envellecido e escasamente racionalizado.

Tendo isto en conta, a CIG, a través do gabinete e co financiamento da Fundación Pública Estatal para a prevención de Riscos Laborais levou a cabo unha iniciativa denominada “Seguridade e saúde laboral para traballadores e traballadoras maiores de 55 anos: riscos novos e emerxentes”.

Desta iniciativa e dos seus resultados dá conta o boletín neste artigo.

Xunto a esta información, o Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 22 recolle abondosa información do Centenario da OIT que, con este motivo, vén de lanzar unha iniciativa de debate sobre o futuro do traballo, coa intención de abordar e analizar os rápidos cambios que neste ámbito se están a producir, prever as súas posíbeis repercusións e buscar solucións consensuadas coa intención de salvagardar o seu gran obxectivo fundacional: o fomento da xustiza social como elemento fundamental para a preservación da paz.

Ademais, este boletín, inclúe un artigo no que se analizan as conclusións do Informe Executivo da Eurofound: “Traballo sostible ao longo de toda a vida: políticas e estratexias nacionais”.

A axencia europea Eurofound, especializada nas condicións de vida e de traballo, parte de que a calidade do traballo e o propio emprego, para ser sustentábeis, deben reunir unha serie de características vinculadas a catro dimensións necesarias e fundamentais: os ingresos salariais, as perspectivas da carreira profesional, a calidade intrínseca do propio emprego e a calidade do traballo.

Na síntese de actividade durante 2016, o Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG dá conta das actividades formativas durante o ano, xa foran cursos básicos; cursos monográficos ou xornadas técnicas e da asistencia en cada unha delas, ademais de informar sobre as consultas atendidas por sectores e da asistencia técnica e asesoramento en materia de prevención de riscos laborais e saúde laboral prestada a delegados/as da CIG, comités de seguridade e saúde e traballadores/as en xeral.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...