Novas por contido

Bases xerais de concursos de traslados

Cinco meses e medio despois da anterior xuntanza, función pública convócanos a negociar estes futuros criterios comúns a todos os concursos de traslados sen que teñamos unha nova proposta, limitándose o Director Xeral de Función Pública (DXFP) a facer un repaso do estado do último borrador (de data 8/11/2018).

Na nosa intervención, a CIG fai tamén un repaso das nosas demandas, expostas nas catro xuntanzas que xa tivemos e nos tres escritos de alegacións presentados, e que mantemos no seu conxunto:

  • Os méritos específicos están sobrevalorados e non existe alternativa mediante formación a quen non teña experiencia.
  • Os incrementos de grao tamén están sobrevalorados pois cada un equivale a un ano de servizos.
  • O traballo desenvolvido está excesivamente desequilibrado: o valor de un ano traballado en nivel 26, que resulta equivalente a un ano de servizos, ten o mesmo valor que multiplicar por 17,5 o valor de un ano en nivel 10.
  • Para a reunificación familiar non se teñen en conta os concellos limítrofes cando na localidade interesada non existen postos. E non contemplan ter persoas maiores a cardo ou discapacitadas.
  • A formación non pode caducar aos 10 anos. E teñen que incorporar as escolas de idiomas e as titulacións académicas.
  • ...

O DXFP conclúe con:

  • Para a semana que ven remitiranos un novo borrador e teremos outra xuntanza.
  • Para funcionarios van darlle unha volta á actual valoración das áreas funcionais.
  • Tentará que cheguemos a acordo no máximo posíbel, deixando cuestións mínimas nas que non haxa acordo para unha futura comisión de seguimento (esa será a chantaxe, pois se non asinamos, quedaremos excluídos das futuras negociacións).
  • Afirma que o concurso de laborais está condicionado polo concurso horizontal (cambio de categoría) recoñecido en convenio. Presentarán unha proposta. Céntrase no concurso dos grupos IV e V, e afirma que tras o acordo de estabilidade que asinaron con CCOO, CSIF e UGT, teñen problemas para convocar moitas prazas en concurso, polo que queren ou ben suprimir este concurso horizontal, ou ben unificar categorías antes de convocalo. Esta cuestión van levala á comisión negociadora do convenio.

A día de hoxe, nada sabemos de prazos para a convocatoria dos concursos.

RPT de Economía

Despois de dúas xuntanzas nun ano dende que comezou a negociación desta RPT, convócannos a una mesa entregando o día anterior unha mísera documentación (o novo listado de equivalencias e o anexo de como quedaría para publicar). Dende a CIG deixamos constancia do noso enfado e repulsa tanto polas formas como polo fondo de como se estivo a levar esta negociación.

Dende a Consellería pediron desculpas e indicaron que aceptaran o 80% do solicitado nas alegación achegadas polos sindicatos (agora toca revisar esta afirmación na documentación entregada a véspera). Esta sería a situación actual:

  • Quedan pendentes para outra mesa de negociación os pluses de Gain e Metroloxía.
  • Queda pendente de negociación, pero que irá con esta RPT, o PLAN POLO QUE SE ESTABLECEN AS CONDICIÓNS LABORAIS DO PERSOAL QUE REALICE VISITAS DE SEGUIMENTO E SUPERVISIÓN DAS ACCIÓNS FORMATIVAS PARA O EMPREGO NA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA.
  • Aínda que manteñen a súa proposta de estrutura das direccións de emprego en catro categorías diferentes, indican que ninguén coa praza en propiedade vai ser cesado no posto e que só causará efecto a modificación cando o titular deixe de selo.
  • Indican que as amortizacións e creacións quedan nun número similar pero con maior nivel nas creacións, para facer mais atractivos os postos e que así os poidan cubrir.
  • De 53 xefaturas de servizo, só 8 quedan como LD, pasando todas as demais a concurso específico.
  • Consideran que o CIFP de Coia non precisan máis postos en RPT, pero que si precisan cubrir os postos que están libres. Aínda así, van crear un posto de Administrador.
  • Créase o posto de Técnico/a Superior de Arquivos, na Secretaría Xeral de Emprego.
  • Créanse novos postos por sentenzas xudiciais.
  • Modifican un posto de funcionario ocupado por unha persoa indefinida non fixa que pasaría a ser de persoal laboral debido a que así o esixe unha sentenza.
  • Indican que os novos postos de “Axudante de Administración” van facer mais funcións que un/ha secretario/a de subdirector/a. Segundo comentan farán traballos similares aos xefes de grupo. Neste punto preguntamos a Función Pública se este tipo de posto vaise a xeneralizar nas rpts, non recibindo resposta (xa non estaba o director de función pública na reunión).
  • Abríronse prazas a grupos A1, A2 e C1 e como merito “293 EXPERIENCIA EN FORMACIÓN OCUPACIONAL (MÉRITO).”
  • Para eles a Oficina de Monelos non ten falta de persoal pero recoñecen que ten poucos postos cubertos. Créanlle unha Xefatura de Negociado.

A CIG solicitou unha refundición das memorias funcionais para poder continuar a negociación.

Bases dos procesos selectivos de Enx. de Montes e Enx. Tec. Forestal

Para estes procesos, correspondentes á OEP do 2016, a CIG mantén a defensa da promoción interna no 50% das prazas e o acceso mediante concurso-oposición. Respecto das probas, queremos fuxir do desenvolvemento de temas (terceiro exercicio). E substituir os temas por normas de dereito positivo ou, cando menos, indicar en cada epígrafe algunha referencia normativa.

Función Pública limítase a comprometerse a revisar os temarios, especialmente en forestais.

Outros asuntos

RPT da AXI e acordo de legoeiros: o xoves 19 convocarán para unha xuntanza o luns 23. Dan por case rematada a negociación.

Concurso escalas sanitarias: seguen a dar escusas. Di o DXFP que van remitir algunhas prazas máis, pero que antes teñen que pechar con sanidade criterios comúns sobre as prazas a ofertar. A CIG reclama ter un listado de todas as prazas vacantes, coa xustificación individualizada dos motivos polos que calquera praza non vai ser ofertada. Aseguran que desta vez si que xa o teñen enriba da mesa e vai saír, pero levan xa moitos meses contando o mesmo, incumprindo o compromiso asinado cando no ano 2013 pecharon os laboratorios de Coruña, Ourense e Pontevedra.

Comisión de seguimento de vacacións, permisos e licenzas: nos últimos meses solicitamos en varias ocasións a convocatoria desta comisión. Reiteramos a urxencia desta convocatoria.

Xubilacións parciais en Amtega:  Expuxemos os obstáculos que Amtega está a por ao seu persoal laboral para o acceso á xubilación parcial e esiximos unha solución por parte de FP, como garante dese dereito do persoal laboral.

17 de maio: Solicitamos a FP unhas instrucións ao respecto do 17 de maio na súa condición de “festivo recuperable”, primeiro festivo destas características dende a implantación do novo sistema sistema horario no 2013.

Temarios da EGAP: a CIG insiste en que a EGAP, como Escola de Administración Pública que é, debe publicar uns temarios orientativos para os procesos selectivos convocados.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...