Novas por contido

Un wc como o que vedes na imaxe. Ese é o mellor lugar que escolleu o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar como zona de aillamento para persoas maiores dependentes no Centro de Día de Dodro no suposto de sexan sospeitosas de padecer coronavirus. Imaxinamos que co beneplácito da Consellería de política Social, que está ou debería estar informada do tratamento que reciben as persoas usuarias da rede pública de atención a persoas maiores. O que descoñecemos é se as familias destas persoas están informadas do lugar onde pretenden aillalos en caso de sospeita de COVID.

Dende a CIG-Autonómica queremos denunciar a falta de humanidade e trato humillante que se lle vai dar aos usuarios do Centro de Día de Dodro que se atopen nesa situación. Sen contar coas consecuencias que pode ter para a saúde dunha persoa maior esta situación estresante e delicada do aillamento engadímoslle esta falta de sensibilidade por parte da administración que se ten que ocupar do seu benestar.

Se xa de por sí o lugar non parece moi digno, hai que engadir que ademais non dispón de ningunha clase de fiestra, ventilación nin aire acondicionado, que a súa vez funciona como sistema de calefacción no centro. Nesa zona de illamento estará a persoa maior e un membro da equipa, ataviado cun EPI. Á situación, que en si xa xera un estrés na persoa, hai que engadir unha estancia tan pouco confortable e acolledora como sala de espera, tendo en conta ademais que cando se active o protocolo descoñecemos o tempo no que a persoa ten que permanecer no lugar de illamento. Dito doutro xeito, poden ser uns minutos ou unha longa espera.

Cando noutros centros optaron por escoller os despachos sanitarios ou de enfermería como zona de illamento, por que en Dodro se optou por un wc? Que triste é chegar a maior nestas condicións miserables! As persoas maiores non son gando e merecen un trato digno e respectuoso.

Para a CIG-Autonómica esta actuación denota unha falta de humanidade e de respecto que non se pode consentir, polo que estes feitos xa foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña.

Tamén queremos denunciar que esta situación do Centro de Día de Dodro non é un caso excepcional, xa que no Centro de Día de Boiro tamén optaron por un wc como lugar de illamento, aínda que nese caso polo menos dispón dunha pequena fiestra para ventilar.

 

 

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...