Novas por contido

O Xulgado do Social nº 3 de Ourense ven de cualificar como accidente laboral a baixa dunha axente forestal agredida no desenvolvemento das súas funcións, cando foi tiroteada, presuntamente por cazadores, mentres realizaba os seus cometidos de vixilancia e control do exercicio da caza.

En data 18-10-2009, a funcionaria da Consellería de Medio Rural realizaba o seu cometido no Monte Farria, Xunqueira de Ambía, en plena tempada de caza, cando foi branco de disparos de escopeta que espallaron os seus perdigóns a escasos centímetros dela, sen poder, naquel momento, identificar ás persoas agresoras. Froito desa situación, producíuselle un episodio de ansiedade que a tivo de baixa durante aproximadamente vinte días.

A Consellería de Medio Rural non lle facilitou parte de accidente, nin indagou o sucedido, nin lle prestou apoio psicolóxico. Por non facer, nin tan sequera deu parte á garda civil para que abrira a correspondente investigación. Máis aínda, despois da agresión, aínda foi enviada en solitario a prestar servizos na mesma zona de caza e en xornada festiva. O médico de familia estendeu o parte de baixa (que ela mesma limitou ao máximo humanamente entendíbel). Posteriormente, tivo que preitear en solitario ante a Xustiza para que se lle recoñecera a continxencia profesional da mesma, pois nin a Consellería, nin a Mutua Gallega, nin o propio INSS tiveron a sensibilidade de recoñecer que un atentado con arma de fogo contra unha axente da autoridade era un accidente de traballo.

Desde a Confederación Intersindical Galega queremos, unha vez mais, denunciar estas actitudes que non fan máis que contribuír á precarización das condicións de traballo en materia de seguridade e saúde laboral:
•    A empresa (Consellería de Medio Rural) incumpre as súas obrigas e abandona ao seu persoal á súa sorte.
•    A Mutua Gallega fai tamén deixación da súa responsabilidade e pretende que o Servizo Público de Saúde apande coas consecuencias.
•    O INSS asume gratuitamente algo que sabe que non lle corresponde, como é unha baixa por accidente laboral.

Aínda coa gravidade que representa este asunto, debemos dicir que non resultan totalmente estraños os feitos que estamos a denunciar, toda vez que a Consellería de Medio Rural fixo as avaliacións de riscos só cando foi requirida pola Inspección de Traballo, respondendo a unha denuncia da CIG nada máis e nada menos que quince anos despois de ser obrigatoria por Lei, e que, aínda a día de hoxe, ditas avaliacións non son coñecidas polo persoal funcionario, nin tan sequera polos seus representantes, mesmo despois de seren requiridos para tal divulgación no verán de 2010.

Parécennos lamentábeis estas actitudes. Mais non estamos dispostos e admitilas. Faremos as denuncias que consideremos, ante a Inspección, ante as traballadoras e traballadores, e mesmo ante a sociedade, para que as condicións de prestación de servizo, no que á seguridade e saúde do persoal se refire, respecten minimamente  a lexislación establecida.


Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.