Novas por contido

Na xuntanza mantida coa consellaría pola proposta de modificación parcial da súa RPT, a CIG fixo as seguintes alegacións:

  • Postos de corpos especiais: non ten sentido que para un corpo especial se indique titulación de "enxeñeiro/a superior". A existencia de persoal funcionario de corpos especiais é para postos que requiren unhas funcións moi específicas, polo que non entendemos que tanto lles serva unha persoa con titulación de enxeñería en aeronáutica, informática, industrial, química... Solicitamos, xa que logo, que especifiquen a especialidade do corpo.

  • Postos de corpos xerais: ao contrario dos anteriores, non nos gusta que a CMATI sexa a consellaría con mais restriccións nos postos en canto que limitan a titulación do persoal funcionario de corpos xerais; esta consellaría ten unha especial "titulitis". Polo tanto, propoñemos unha revisión seria dos requisitos en titulacións. En consecuencia, solicitamos que os postos aos que se retire o requisito de titulación sexan abertos aos grupos que proceda (sección A1 que pase a ser A1-A2-C2).

Caso especial é o do posto da Xefatura de Sección de Acreditación e Certificacións, onde inicialmente requerían titulación en enxeñaría industrial, licenciatura en física, en ciencias ambientais ou químicas. Para este posto pretenden eliminar a titulación de ciencias ambientais, cousa que nos parece absurda cando na propia memoria indican que este posto esixe coñecementos en control de emisións e vixilancia da rede galega de calidade do aire.

  • Non aceptamos a apertura de postos a outras administracións mentres non haxa acordo de reciprocidade. Tamén criticamos que as aperturas sexan para todos os postos LD por sistema.

  • Inda que a lei indique que os servizos serán LD, evidentemente criticamos esta imposición.

  • Solicitamos as sentenzas coas que xustifican a creación de dous postos que orixinalmente eran de TRAGSA.

  • Solicitamos que se revise a correcta clasificación de postos "singularizados" pois entendemos que varios deles deberían ser "normalizados".

  • Existen postos para os que se pide formación ou experiencia específica, ben como requisito imprescindíbel, ben como mérito. A estes respectos, queremos que se eliminen todos os méritos ou requisitos, e que utilicen á EGAP para formar ao seu persoal. En todo caso, preferimos que conste como mérito, nunca como requisito imprescindíbel. En canto á experiencia, de ningunha maneira podemos aceptalo, nin como mérito nin como requisito, polo que preferimos conste formación, non experiencia.

  • Detectamos algún posto que se abre a outras administracións aos que non se pon o requisito de coñecemento de lingua galega.

  • Crean un posto subgrupo A1 de corpos especiais. Mais as funcións que indican son unha mistura entre técnicas e administrativas, polo que pensamos que o posto debe ser xeral/especial.

  • Delineantes: Solicitamos que algúns postos que teñan que ver cos delineantes (algunha sección, por exemplo) os abran a delineantes, a fin de que teñan unha mínima posibilidade de promoción profesional. Compre lembrar que os delineantes, a día de hoxe, non teñen nin unha soa opción de saír dun posto base.

  • Solicitamos que constara na RPT, aínda que for na columna de observacións, a anotación daqueles postos que sendo dunha categoría determinada estivesen ocupados por persoal que obtivese sentenza na que lles recoñecesen unha categoría diferente. A consellaría non está conforme e non o vai facer.


A consellaría comprometeuse a:

  • Revisar as titulacións.

  • Eliminar os requisitos de experiencia.

  • Revisar os méritos específicos.

Parece que xa non haberá outra xuntanza e limitaranse a notificarnos os cambios aceptados de cara á Mesa Xeral. 

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Martes, 13 Outubro 2026

Fondo de Acción Social de 2025: listaxe definitiva de persoas admitidas

No DOG do 13/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade....
Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...