Máis que CIG-Autonómica

A sección sindical da Fundación para a Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza responde así aos anuncios que fixo tras do Consello da Xunta.

Ante as declaracións do conselleiro de Economía e Industria realizadas este xoves, tras do Consello da Xunta, nas que se gababa da súa xestión a fronte do I+D, a sección sindical da CIG na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial denuncia o particular “Record Guinness” do Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, polo despedimento de tres traballadoras en período de maternidade e por efectuar máis de 100 despedimentos nesta fundación pública que xestiona as políticas industriais e de innovación da Xunta de Galicia.

Os representantes dos traballadores/as consideran que a situación laboral na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial é insostíbel. Esta entidade pública acumula máis de tres anos de denuncias por despedimentos improcedentes e nulos, o último deles afectou a unha traballadora embarazada. Este feito, súmase ao despedimento previo doutras dúas traballadoras que se atopaban no período de maternidade e que foron readmitidas posteriormente por orde xudicial.

Se non poden despedir a un delegado da CIG, despiden a un afiliado da CIG

Os responsables da Fundación están citados por quinta vez na Inspección de Traballo e Seguridade Social de A Coruña. A citación, establecida para o luns 11 de xuño, débese a unha nova denuncia presentada pola CIG por vulneración de dereitos fundamentais, discriminación laboral e represión sindical. Nesta ocasión, os responsables da Fundación despiden a un afiliado da CIG ao manifestar que legalmente non poden despedir ao presidente do Comité de Empresa, que é delegado da CIG. Este feito demostra unha vez máis a chantaxe psicolóxica á que están sometidos os representantes do traballadores/as e o carácter represivo dos despedimentos.

Se Javier Guerra fai isto na Xunta de Galiza, que fará nas empresas das que é propietario

A CIG leva denunciando dende o ano 2009 aos responsables da Consellaría de Economía e Industria pola crítica situación laboral da Fundación, que segue a ser xustificada como “normal” polo goberno do Partido Popular. Os delegados da CIG na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial cuestionan as condicións laborais ás que poden estar sometidos o traballadores/as das empresas das que Javier Guerra é propietario, como é o caso de “El Secreto del Mar”, tendo en conta o historial que acumula ao seu paso pola Xunta de Galiza.