Máis que CIG-Autonómica

A CIG sae á rúa contra as últimas reformas que precarizan as condicións laborais da mocidade, dificultan as xubilacións anticipadas e o acceso ao subsidio a maiores de 55.

A tarde do 11 de abril realizamos concentracións en todas as cidades para manifestar o noso rotundo rexeitamento ás últimas reformas aprobadas polo goberno de Mariano Rajoy. Medidas que precarizan as condicións laborais da mocidade; que dificultan as xubilacións anticipadas e que endurecen as condicións para acceder ao subsidio a maiores de 55 anos. O PP prepara unha nova batería de reformas que pretende aprobar no Consello de Ministro do 26 de abril, contra as que “haberá que preparar novas mobilizacións, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral antes do verán.

Nas concentracións denunciaronse as últimas medidas aprobadas en Consello de Ministros. Nomeadamente o R.D. Lei 4/2013, do 22 de febreiro, polo que se aproba un plan de contratación a menores de 30 anos e modifícase a regulamentación das ETTs, entre outros, e o R.D. Lei 5/2013, do 15 de marzo, no que tamén se muda a regulamentación e requisitos para a xubilación parcial e anticipada; o fomento da xubilación en activo e recórtase o subsidio de desemprego para maiores de 55 anos.

Para a CIG estas medidas non supoñen nada novidoso con respecto ao que veñen sendo as políticas do PP, recortar dereitos, proporcionar man de obra barata á patronal e sacar medidas especialmente duras cos sectores máis desfavorecidos e os que están a sufrir de forma máis directa as consecuencias da crise económica.

A este respecto cómpre destacar a gravidade de aprobar unha nova regulamentación para os contratos a menores de 30 anos, subvencionados, que permiten salarios inferiores aos 500 euros e, nalgúns casos, mesmo sen dereito a prestación. Regulamentación que vén empeorar as xa precarias condicións contempladas nos contratos de formación e prácticas.

Denunciamos que se favoreza a contratación de xubilados/as mantendo o 50% da súa pensión, nunhas condicións moi beneficiosas para a empresa. Unha medida coa que se dificulta a incorporación ao mercado laboral de traballadoras/es en paro e que é, na práctica, discriminatoria no sentido de que non todos os xubilados/as chegan a esa idade nas mesmas condicións físicas e económicas.

Tamén denunciamos que se retrase a idade de xubilación parcial dos 61 aos 63 anos, camiñando aos 65 anos para o ano 2027, así como o atraso da idade de xubilación anticipada: a voluntaria de 63 a 65 anos, con 35 anos de cotización e a forzosa, de 61 a 63 anos, con 33 anos de cotización. Fórzase así a manter no emprego ás persoas de sectores que precisan dun forte desgaste físico e dificúltase o acceso ao emprego de parados/as.

Xunto a isto, destacamos que se dificulta ou retira un dereito a un colectivo de traballadores/as dos máis afectados pola crise e con máis dificultades de volver a atopar emprego: o de maiores de 55 anos. Para ter dereito ao subsidio de desemprego a renda per cápita familiar non pode superar o 75% do SMI e sofren un prexuízo duplo ao privalos duns ingresos, pero tamén dunha cotización para a xubilación. Unha medida que é exemplo da visión clasista e elitista da sociedade que ten o PP.

Máis reformas o 26 de abril

Respecto do anuncio dun novo paquete de reformas a aprobar no Consello de Ministros do vindeiro 26 de abril, advertimos que o que se pretende, por exixencia da UE, é abaratar máis o despedimento; rebaixar os salarios; subir os impostos indirectos e non revalorizar as pensións en función da carestía da vida.

Séguese a insistir nas políticas de sempre, que non serven para reactivar a economía e saír da crise. Políticas que pretenden que os custos da crise caian nas clases populares, mentres a banca e as grandes empresas campan ás súas anchas, fan despedimentos masivos e seguen evadindo impostos a través dos paraísos fiscais.

Desde a CIG lembramos que nestes anos incrementáronse os cartos depositados neses paraísos fiscais, que xa ascenden a 24 billóns de euros. Estamos a falar pois dun goberno de monicreques, dun PP vinculado á corrupción e dunha UE ao servizo da banca. Unha UE que mentres exixe austeridade e duras reformas económicas, colabora na especulación coa débeda pública levando aos estados á ruína e empobrecendo a millóns de cidadáns.

Ante esta situación, o goberno do PP non nos representa e a UE non se interesa por nós. Desde a CIG facemos un chamamento a seguir a mobilizarse, atentos/as ás medidas que se aproben o día 26 porque se son segundo o previsto haberá que preparar novas mobilizacións, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral antes do verán.

Outras novas recentes

Luns, 29 Novembro 2021

Borradores de procesos selectivos: A1-Informática e C1-Gardacostas

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos os borradores das convocatorias dos seguintes procesos selectivos: A1-Escala de sistemas e tecnoloxía da información. Son 16 prazas da OEP do 2021, de acceso libre mediante o sistema selectivo de oposición. Descargar. C1-Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galiza. Son 22 prazas das OEP 2018 (10) e 2021 (12), das que...
Luns, 29 Novembro 2021

Reunión co DX de Ordenación e Planificación Forestal. 24/11/2021

O DXOPF da Consellería de Medio Rural ten que acceder a reunirse ca CIG despois da presión exercida polos representantes dos traballadores Despois de mais de 1 ano solicitando varias reunións co director xeral, onde poder tratar diversos temas que atinxen tanto o bon funcionamento da Administración, como que o administrado teña un trato mais próximo a Administración e...