Máis que CIG-Autonómica

Unha maré humana –arredor de 120.000 persoas, segundo os cálculos das organizacións sindicais- recorrían esta maña as rúas de Ferrol, nunha das manifestacións máis multitudinarias que se lembran na comarca nos últimos tempos. A reivindicación: solucións urxentes que poñan freo á sangría de destrución de emprego, de desmantelamento dos sectores produtivos básicos, de recorte de servizos públicos, do despoboamento imparábel que sufre Ferrolterra. Demandas plasmadas no marco da convocatoria dunha exitosa xornada de Folga Xeral, que tivo un seguimento de practicamente o 100% na maioría dos sectores e paralizou a toda a comarca.

As comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal viviron este mércores unha xornada de Folga Xeral que ten paralizada a actividade industrial e os servizos, e conta cun amplísimo seguimento nas distintas áreas da administración pública. Unha xornada que transcorre con total normalidade, tal e como destacaron dende a CIG de Ferrol, e é expresión de dignidade, porque digno é defender o dereito a traballar e vivir na nosa terra, porque digno é defender o futuro dos nosos fillos e fillas.

Unha manifestación que, segundo puideron calcular as organizacións convocantes, contou coa participación de arredor de 120.000 persoas, na que xa é unha das mobilizacións máis multitudinarias que se lembran na cidade. Tal foi así que coa Praza de Armas ateigada de xente, dende a organización pedíase aos/ás manifestantes que se “arrexuntasen máis” para poder facer oco á cola da protesta, pois aínda viña polo túnel da Praza de España.

A protesta servía para visibilizar en toda a súa extensión o éxito dunha folga xeral que ten paralizada toda a actividade na comarca, dende as grandes factorías até as empresas máis pequenas, pasando polo transporte, a hostalería ou o pequeno comercio (que de xeito maioritario apoio á convocatoria). Porén, nesta ocasión, tamén ás grandes superficies comerciais pecharon as súas portas, agás, como vén sendo habitual, as instalacións de Alcampo, onde un desmedido despregue policial rodeaba ao piquete informativo. Rúas baleiras e con escasa circulación de vehículos completaron o retrato da xornada.

Responsabilidades políticas

Esta xornada histórica de loita bate de fronte contra as tentativas de desvirtuar a mobilización “por parte deses que din que nos defenden” “e que dende o mesmo día da convocatoria saíron publicamente dicindo que esta era unha mala imaxe para Ferrol”.

Uns responsábeis políticos, denunciaba, que abandeiran as políticas dos recortes laborais e sociais, que afectan especialmente “a comarcas deprimidas como a nosa”, e que levaron a que Ferrolterra rexistre a taxa de desemprego máis elevada de todo o estado, teña unha media de ingresos familiares por debaixo da media das sete cidades galegas e uns salarios e pensións inferiores á media do estado.

Situacións que forzan á emigración masiva, e teñen especial repercusión entre a mocidade “á que mesmo lle están pechando o acceso á universidade, pois son cada vez máis as familias ferrolterráns que non poden afrontar ese gasto para os seus fillos e fillas”.

Foron as decisións políticas as que abocaron á comarca a grave crise que padece e son decisións políticas urxentes as que Ferrolterra precisa para saír desta situación. O responsábel sindical reiterou que foron as decisións políticas dos distintos gobernos do estado os que levaron á construción naval a “esta situación de morte, usándonos como moeda de cambio en beneficio doutros intereses”, impondo un veto “a unhas das mellores instalacións do mundo” e prohibindo a construción do necesario dique flotante.

E do mesmo xeito, son decisións políticas as que teñen amordazado o desenvolvemento dos sectores produtivos básicos, cunha ría que leva lustros agardando por un saneamento que non chega, un sector bioforestal e eólico afogados mesmo antes de desenvolver o seu potencial, un pequeno comercio arruinado, e cun illamento administrativo e de infraestruturas cada vez máis agudizado.

A resposta a estes continuados ataques pasa pola mobilización e por “defendernos nós mesmos, gobernarnos nós mesmos, rescatar para nós a soberanía que nos rouban os mercados e os gobernos que os representan”. “Que saiban que Ferrolterra négase a seguir resignada, porque somos fillos da Revolta Irmandiña, de Amador e Daniel, que saiban que non imos parar, mesmo até acadar a súa dimisión se é preciso. Que o teñen moi claro, non imos aceptar nin máis promesas nin acordos futuríbeis, só un cambio de rumbo urxente”.

Destrución dos sectores produtivos

Unha taxa de desemprego do 36%, o peche do 25% do pequeno comercio nos últimos tres anos, perda de 12.000 habitantes nas comarcas nos últimos tres lustros, unha ría infraprodutiva pola elevada contaminación, un porto exterior a medio rendemento pola falta de conexión por tren, un sector eólico que perdeu máis de 1.700 empregos, portos pesqueiros desmantelados, tres plantas de biodiesel financiadas con cartos públicos pechadas, ou a gravísima destrución de postos de traballo no sector naval.

E fronte a este panorama a cidadanía responde, ao tempo que subliñaba que hai unha elevada porcentaxe de familias que subsisten grazas as pensións de xubilación dos seus pais/nais e avós/as. “Isto todo estivémolo explicando nestes dous meses en asembleas e encontros e foi o que provocou que hoxe se dese esta resposta unánime e contra as políticas dos gobernos e esixindo solucións para Ferrolterra”.

Necesidade de continuar na loita e na contestación social

O Secretario Xeral da CIG puña en valor o apoio masivo á Folga Comarcal, felicitando aos compañeiros e compañeiras da CIG de Ferrol polo traballo de axitación e concienciación realizado e pola “valentía á hora de lanzar á convocatoria”. “A resposta que está habendo hoxe é un exemplo de dignidade de toda a cidadanía que vive nesta comarca, que leva moitos anos sufrindo unha política de desmantelamento do seu tecido industrial”, afirmou.

Un desmantelamento, que se ve agudizado polo perigo real de que o sector básico para o desenvolvemento da comarca, o naval, chegue practicamente a un peche definitivo, “se non se adoptan medidas inmediatas e non se toman decisións políticas que cambien o rumbo actual”.

“O caso de Ferrol é un exemplo do camiño que ten que seguir a protesta e a contestación social. O problema do desemprego é un problema gravísimo e a destrución de postos de traballo que se está dando en toda Galiza é moi preocupante. Preséntasenos por diante un futuro difícil, cun tecido produtivo sen posibilidades de recuperar como non se adopten medidas inmediatas e cunha emigración da mocidade alarmante”.

A este respecto, o Secretario Xeral advertía que a problemática do desemprego e a destrución de postos de traballo afecta tamén de cheo a outras comarcas do país, mentres a Xunta mantén unha actitude de absoluta pasividade e mesmo de colaboración no desmantelamento do tecido industrial.

“A única maneira de mudar estas políticas é a través da mobilización e a contestación social”, afirmou, por iso adiantou que, se as demais organizacións sindicais están dispostas a camiñar na vía da loita, non se descarta a posibilidade de convocar nos próximos meses unha Folga Xeral en Galiza “para esixir unhas políticas económicas distintas que xeren emprego no noso país e rematen coa lacra do desemprego e a destrución do noso tecido produtivo”.

Outras novas recentes

Luns, 29 Novembro 2021

Borradores de procesos selectivos: A1-Informática e C1-Gardacostas

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos os borradores das convocatorias dos seguintes procesos selectivos: A1-Escala de sistemas e tecnoloxía da información. Son 16 prazas da OEP do 2021, de acceso libre mediante o sistema selectivo de oposición. Descargar. C1-Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galiza. Son 22 prazas das OEP 2018 (10) e 2021 (12), das que...
Luns, 29 Novembro 2021

Reunión co DX de Ordenación e Planificación Forestal. 24/11/2021

O DXOPF da Consellería de Medio Rural ten que acceder a reunirse ca CIG despois da presión exercida polos representantes dos traballadores Despois de mais de 1 ano solicitando varias reunións co director xeral, onde poder tratar diversos temas que atinxen tanto o bon funcionamento da Administración, como que o administrado teña un trato mais próximo a Administración e...