Máis que CIG-Autonómica

Cara ao 8 de Marzo, día internacional da muller, analizamos contigo como é a situación das empregadas públicas na Xunta de Galiza e animámoste a participar nas marchas do movemento feminista galego.

Na Xunta de Galiza os traballos dos coidados son tamén os máis feminizados. As empregadas públicas estamos alí onde se coidan persoas, na limpeza de edificios públicos ou dos lugares de traballo, nas escolas infantís, nos centros de día, nas residencias da terceira idade, na axuda a domicilio,  nos centros de atención a persoas con diversidade funcional, somos as auxiliares dos comedores escolares, as coidadoras nos centros de ensino, etc.

Vimos denunciado decote que a Xunta de Galiza non protexe a saúde das súas traballadoras e exponas a riscos laborais. Así, alertamos de que as traballadoras embarazadas de escolas infantís están expostas a un risco biolóxico continuado, polo que deberan ser apartadas cautelarmente e debera tramitarse a suspensión por risco, algo do que a Xunta, o Consorcio e a Mutua fan caso omiso. Dende a CIG tivemos que acudir á Inspección de traballo, aos xulgados e agora á Valedora do pobo para que non volva infectarse ningunha compañeira máis, e para que ningunha sufra a angustia das posíbeis malformacións no seu feto-bebé.

Os dereitos de conciliación están sendo permanentemente cuestionados na Xunta de Galiza. Deste xeito, cando unha traballadora os precisa a Xunta non fai máis que poñerlle paus nas rodas e obrígaas a acabar no xulgado para conquerir aqueles dereitos que na teoría tiñamos acadados e que na práctica moitas veces só están no papel impreso das leis. Traballadoras de centros de coidados, auxiliares administrativas de oficinas agrarias, inspectoras, bombeiras ou veterinarias son exemplos de mulleres que a día de hoxe teñen dificultades para acollerse á flexibilidade horaria para o coidado de fillos/as menores ou persoas maiores a cargo.

A Xunta de Galiza: 12 anos sen Plan de Igualdade. A Xunta de Galiza mantense a día de hoxe na súa flagrante ilegalidade e desleixo cara ao seu persoal, xa que carece aínda do seu I Plan de Igualdade. A secretaria xeral de Igualdade tivo a caradura de facer propaganda dun mal inicio e logo deixou abandonada a súa elaboración. Así, priva a preto de 30.000 persoas empregadas públicas da Administración xeral da Xunta de Galiza dunha ferramenta fundamental que sexa garantía da inexistencia de discriminacións laborais e profesionais baseadas no xénero, e que impulse medidas correctoras e de mellora continua.

Baixo o lema "Sen coidados non hai vida: mudando o sistema, derrubando o patriarcado", no ano 2020, o feminismo galego chama a todas as mulleres do noso país a saír ás rúas o vindeiro 8 de marzo e, máis unha vez, como nos anos anteriores, a facer tremer Galiza, deixando claro que facemos parte dun movemento imparábel, que esiximos poñer a vida das persoas no centro das políticas públicas, e que non imos calar até que se consiga a eliminación das violencias machistas e de todas as discriminacións que padecemos as mulleres.

Porque ficando caladas non se muda nada...

O día 1 de Marzo a CIG participou na manifestación Nacional en Verín.

O día 4 de marzo celebramos o Encontro Nacional de Delegadas, dende onde marcharemos en manifestación até San Caetano.

O 8 de Marzo sumarémonos aos actos de Galegas 8 M.

SÚMATE, LOITA, DIFUNDE, PARTICIPA!!

Outras novas recentes

Sábado, 16 Outubro 2021

Orzamentos e lei de medidas 2022: modificación da lei de emprego ás carreiras e sen negociación na Mesa Xeral do 15/10/2021

A Xunta impón a modificación da lei de emprego público e os orzamentos en materia de persoal para 2022 O acontecido na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 15 de outubro non foi pasar o rodete, foi unha falta de respecto a todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza. Non teñen escrúpulos e desta vez a escusa para non informar debidamente e modificar a lei de...
Xoves, 14 Outubro 2021

Anteproxecto Lei de medidas 2022: modificación da lei de emprego

Función Pùblica vén de convocar ás organizacións sindicais a unha Mesa Xeral de Empregados Públicos que terá lugar o venres 15 para "negociar" o anteproxecto de lei de orzamentos do 2022 e o anteproxecto de lei de medidas naqueles aspectos que afectan ao persoal empregado público. Afondando no costume instaurado polo director xeral de Función Pública, fomos convocados tamén...
Venres, 15 Outubro 2021

Feijoo ás voltas con privatizar os servizos públicos

A Xunta quere financiar as escolas infantís privadas de 0 a 3 anos en vez de crear novas escolas públicas A CIG esixe a consolidación e fortalecemento dunha rede pública 100% para a educación infantil. Feijoo, no canto de potenciar a rede pública de escolas infantís, tanto as dependentes directamente da Consellería de Política Social (Axencia) como as do Consorcio Galego de...