Máis que CIG-Autonómica

Denuncia a convocatoria dunha Mesa Xeral na que o goberno imposibilitou calquera tipo de negociación

A Área Pública da CIG reclamou novamente ao goberno español a retirada completa da taxas de reposición, de maneira que se permita a creación neta de emprego en todas as administracións e a recuperación e reforzo dos servizos públicos. A central trasladou esta demanda na reunión da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas que o ministerio convocou con menos de 24 horas de antelación e sen remitir documentación nin propostas.

A CIG denuncia as formas e contido dunha xuntanza que máis ben foi unha comisión informativa que Función Pública despachou nunha hora, como mero trámite de obrigado cumprimento para a elaboración do Proxecto de Orzamentos do Estado, mais sen ningún respecto polo dereito á negociación colectiva.

Para o que si serviu a Mesa foi para constatar que o Goberno manterá as taxas de reposición de efectivos, impedindo deste xeito ás distintas administracións públicas poder dimensionar os seus cadros de persoal e decidir sobre a xestión dos servizos que presta, en función das súas propias capacidades orzamentarias.

Fronte a isto, a CIG pediulle ao goberno, que se autodefine como o máis progresista da historia, que abandone o mantra neoliberal das taxas de reposición e permita ás administracións públicas crear emprego neto, para recuperar a xestión dos servizos públicos.

Suba do 2% insuficiente para recuperar o poder adquisitivo

No relativo ás retribucións, a CIG considera insuficiente a proposta de suba do 2% cando o IPC interanual xa está no 4% e hai unha previsión de crecemento PIB do 5,9%. Ademais, Función Pública non trasladou a posibilidade de contemplar unha cláusula de garantía salarial, incrementando así a perda do poder adquisitivo do persoal empregado público, que na última década sumou preto dun 10%.

Para garantir que a recuperación sexa real e efectiva, a CIG propón que a suba sexa do 5% anual no período 2022-2024; establecer unha cláusula de garantía salarial para este período; e recuperar as retribucións básicas íntegras na contía das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron recortadas en 2010 polo goberno de Mariano Rajoy baixo a escusa da crise, e que a día de hoxe non se recuperaron na súa totalidade.

Xunto a isto, a A CIG solicitou medidas na Lei de Orzamentos que fagan posíbel o desenvolvemento da carreira profesional e a implantación dun novo sistema retributivo deseñado no Estatuto Básico do Empregado/a Público/a, á marxe dos límites ao incremento da masa salarial. E así mesmo, actualizar as indemnizacións por razón de servizo (dietas e quilometraxe), conxeladas dende hai anos malia o incremento dos prezos ao consumo neste período.

Entre outras cuestións, a central tamén demandou o desenvolvemento da normativa sobre a xubilación parcial do persoal funcionario e recuperar as condicións do persoal laboral; abordar a xubilación anticipada en determinados colectivos que traballan en condicións de máis penosidade, perigosidade, toxicidade etc.; e que se fixe a xornada máxima nas 35 horas semanais no conxunto das administracións públicas.

Outras novas recentes

Luns, 29 Novembro 2021

Reunión co DX de Ordenación e Planificación Forestal. 24/11/2021

O DXOPF da Consellería de Medio Rural ten que acceder a reunirse ca CIG despois da presión exercida polos representantes dos traballadores Despois de mais de 1 ano solicitando varias reunións co director xeral, onde poder tratar diversos temas que atinxen tanto o bon funcionamento da Administración, como que o administrado teña un trato mais próximo a Administración e...
Luns, 29 Novembro 2021

Borradores de procesos selectivos: A1-Informática e C1-Gardacostas

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos os borradores das convocatorias dos seguintes procesos selectivos: A1-Escala de sistemas e tecnoloxía da información. Son 16 prazas da OEP do 2021, de acceso libre mediante o sistema selectivo de oposición. Descargar. C1-Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galiza. Son 22 prazas das OEP 2018 (10) e 2021 (12), das que...