A CIG vén de dirixir o día 23/04/2012 un escrito á conselleira de Traballo e Benestar e á Dirección Xeral da Función Pública en relación coa continuidade dos promotores de emprego.

Estas traballadoras e traballadores foron contratados segundo o Real decreto-lei 13/2010 e RDL 1/2011, para levar a cabo a execución de dúas medidas derivadas destas dúas normas estatais, desenvolvendo os itinerarios individuais e personalizados  para a mellora da empregabilidade de mozos e maiores de 45 anos en situación de desemprego de longa duración. Segundo estabelecían estas normas a contratación estenderíase, como mínimo, até o 31/12/2012.

Na disposición final 14º do proxecto de lei de orzamentos do estado para o 2012 faise unha modificación do citado RDL 13/2010 no que se estabelece a posibilidade de que os contratos rematen o 30 de xuño de 2012. Do mesmo xeito dise que "Respecto á xestión polas comunidades autónomas desta medida, os créditos correspondentes distribuiranse territorialmente entre as ditas administracións, de conformidade co estabelecido na normativa estatal".

Nesta altura, nin a Consellaría de Traballo e Benestar nin a Dirección xeral da Función Pública informaron a esta organización sobre cales son as intencións da Xunta de Galiza con respecto ás compañeiros e compañeiros que desenvolven a promoción do emprego.

Desde a CIG, opoñémonos aos despedimentos no servizo público de emprego e sinalamos que as contratacións, e a súa duración, foron acordadas nas mesas de negociación da Xunta de Galiza; por iso, demandamos que  se manteñan os acordos acadados nas mesas, e que se nos aclaren cales son as intencións da Xunta a respecto da duración do contrato das promotoras e promotores de emprego. Así mesmo, demandamos información sobre cal sería o destino que se lle daría aos "creditos distribuídos territorialmente", xa que poderían ser para manter os contratos.


Descargar o escrito dirixido pola CIG á conselleira de Traballo e Benestar e a Función Pública o 23/04/2012