Publicadas no DOG Núm. 32 do  luns 17 de febreiro de 2020 as seguintes convocatorias de funcionarización:

Trátase da oficialización dun proceso embarullado que se perpetrou hai meses coa conivencia de CCOO e UXT. Agora estamos na recta final dun proceso iniciado con escurantismo onde se chantaxeou ao persoal laboral co fin de que se comprometesen a funcionarizarse a cambio dunha carreira profesional tamén pouco clara e estendida en faragullas anuais coa mala xustificación que ou isto ou nada.

Estas convocatorias….. a que? Os postos non estan nas relacións de postos de traballo, polo que non sabemos que condicións laborais e salarais van ter, níveis ou complementos e horario. Un “salto ao VACIO” reiteradamente denunciado pola CIG.

Coma sempre, quen acabamos perdendo somos os traballadores e traballadoras e, o peor de todo isto, é que quen tiñan que salvagardar os nosos intereses, CCOO e UGT, asinaron un acordo co que pretendían apuntalar unha hexemonía pasada agora en horas baixas.

Na CIG resistímonos (aínda) a ese mal acordo e tentamos acadar algunha melloras a través de negociacións, sabendo que moitas veces acudimos a meras representacións de pactos pechados de antemán e so imos a colocar tiritas nunha ferida sangrante.

Porén e a pesar destas tribulacións LOITAMOS e DENUNCIAMOS esta funcionarización chapuza e chantaxista.

 

  • Resolución do 7 de febreiro de 2020 pola que se convoca o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo superior de Administración xeral e corpo facultativo superior de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes ao grupo I, do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico.
  • Resolución do 7 de febreiro de 2020 pola que se convoca o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo de xestión de Administración xeral e corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes ao grupo II, do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico.
  • Resolución do 7 de febreiro de 2020 pola que se convoca o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo administrativo de Administración xeral, subgrupo C1, e do corpo de técnicos/as de carácter facultativo de Administración especial, grupo B, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes ao grupo III, do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico.
  • Resolución do 7 de febreiro de 2020 pola que se convoca o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar de Administración xeral e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial, subgrupo C2, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes ao grupo IV, do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico.
  • Resolución do 7 de febreiro de 2020 pola que se convoca o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira da escala de persoal subalterno da agrupación profesional de persoal funcionario, do persoal laboral fixo da categoría 003 do grupo V (ordenanza, celador/a, vixilante oficinas....) pertencente ao grupo V, do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico.

O persoal laboral fixo que desexe participar no proceso deberá facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet.

O prazo para formalizar telemáticamente as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O modelo de solicitude estará á disposición no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, no seguinte enderezo: https://www.xunta.gal/funcion-publica/funcionarizacion. A persoa solicitante deberá dispor dun certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), DNI electrónico ou Chave 365.

A realización da proba non terá lugar antes dos dous (2) meses posteriores á data de publicación da convocatoria no DOG.