Diante da diversidade de procesos selectivos existentes ( acceso libre, promoción interna, estabilización e consolidación) na CIG levamos anos insistindo na necesidade de fixar unhas bases comúns que rematen coa arbitrariedade dos tribunais, sobre todo no referente á fase de oposición, onde tivemos varios exemplos de criterios de corrección e notas de corte totalmente diferentes.

Resulta acaído lembrar que a Lei de Emprego Público de Galiza contempla como un dos principios xerais na selección do persoal ao servizo das administracións públicas a “Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións ou tarefas que se van desenvolver.

Desta volta, o nivel de coñecemento e manexo dos paquetes ofimáticos LibreOffice 5.4.4 (folla de cálculo, procesador de textos) esixido ás persoas aspirantes nas probas selectivas celebradas o pasado martes 28 de setembro destacou pola súa excesiva dificultade.

Das 40 preguntas a contestar nun espazo temporal de 60 minutos, 32 foron da parte de folla de cálculo e só 8 da parte de procesador de texto, cun excesivo abuso de fórmulas con funcións anidadas que precisaban dunha lectura e atención especial aos enunciados.

Descoñecemos os motivos desta disparidade no reparto das preguntas mais a lóxica lévanos a pensar que o obxecto dun proceso selectivo destas características debe ser que as persoas aspirantes amosen un coñecemento por igual de ambos paquetes adaptado ás funcións a desenvolver, polo que esta proporción semella totalmente esaxerada.

Haberá que agardar ás notas finais destes exames para facer un balance, mais o sentir maioritario entre as persoas aspirantes é que o nivel de dificultade das probas vai facer moi difícil a cobertura das prazas ofertadas. Sentir compartido tamén polo persoal que participou pola quenda de consolidación da categoría IV-001, que considera que as súas posibilidades neste proceso reducíronse enormemente.

Como manifestamos na nosa denuncia de hai uns días polo resultado da promoción interna do C2, non se trata de regalarlle o posto a ninguén, pero estas circunstancias fan máis que evidente a necesidade duns criterios homoxéneos e comúns nos procesos selectivos que eviten situacións como a acontecida con estes procesos selectivos.