No DOG do 28/02/2022 publican a ORDE do 18 de febreiro de 2022 pola que se regula o procedemento para o nomeamento como persoal funcionario de carreira do persoal laboral fixo de determinadas categorías profesionais que superou os procesos de funcionarización convocados polas resolucións do director xeral da Función Pública do 7 de febreiro de 2020.

  • A partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, o persoal laboral fixo deberá asinar un acordo de extinción do contrato de traballo, consonte o establecido no artigo 7.2 do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia. A extinción estará condicionada á efectiva toma de posesión como persoal funcionario de carreira.
  • A toma de posesión como persoal funcionario de carreira, que implicará o cambio do vínculo xurídico coa Administración, será o 1 de marzo de 2022.
  • No caso de vacacións, permisos ou licenzas, o prazo para a sinatura do acordo de extinción comezará a contar desde a súa finalización; o día da toma de posesión será o seguinte hábil ao da sinatura do dito acordo. Nos supostos de incapacidade temporal ou incapacidade permanente con reserva de posto, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta ou reincorporación. Quedan exceptuadas do disposto no parágrafo anterior as situacións derivadas da maternidade ou paternidade.
  • O incumprimento dos prazos antes indicados, agás as causas de forza maior debidamente acreditadas e apreciadas pola Dirección Xeral da Función Pública, implicará que a persoa interesada desiste voluntariamente da súa funcionarización e, polo tanto, non se producirá o cambio do seu vínculo xurídico, e manterá a súa condición de persoal laboral fixo e todos os dereitos inherentes á dita condición.
  • Segundo o establecido no artigo 8.2 do Decreto 165/2019, o/a traballador/a conservará a situación administrativa que teña recoñecida noutras categorías laborais antes da adquisición da súa condición de persoal funcionario de carreira.
  • O persoal que se funcionarice seguirá percibindo en concepto de antigüidade a mesma cantidade que estaba percibindo como laboral fixo nun concepto na nómina á marxe do complemento de funcionarización-persoal.

As persoas que tomarán posesión como persoal funcionario de carreira, ao abeiro do establecido na presente orde, serán as que proveñen das categorías de persoal laboral que aquí se relacionan:

Corpo facultativo superior da Administración especial-subgrupo A1-escala facultativos.

  • Especialidade Medicina. Categoría 002 do grupo I (titulado/a superior médico/a, médico/a xeriatra, médico/a CEI).
  • Especialidade Psicoloxía. Categoría 006 do grupo I (titulado/a superior psicólogo/a).
  • Especialidade Pedagoxía. Categoría 011 do grupo I (titulado/a superior pedagogo/a).

Corpo facultativo de grao medio da Administración especial-subgrupo A2-escala técnica de facultativos.

  • Especialidade Enfermaría. Categoría 002 do grupo II (ATS enfermeiro/a, practicante, DUE).
  • Especialidade Educadores. Categoría 006 do grupo II (educador/a, profesor/a especial).
  • Especialidade Fisioterapia. Categoría 011 do grupo II (fisioterapeuta).
  • Especialidade Traballo social. Categoría 017 do grupo II (asistente/a social).
  • Especialidade Terapia ocupacional. Categoría 020 do grupo II (terapeuta ocupacional).

Corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial- grupo B-escala axentes técnicos facultativos.

  • Especialidade Xardín de infancia. Categoría 050 do grupo III (técnico/a especialista xardín de infancia). 

Corpo auxiliar de carácter técnico de Administración especial-subgrupo C2-escala auxiliares de clínica.

  • Categoría 003 do grupo IV (auxiliar sanitario/a, auxiliar clínica, auxiliar psiquiátrico/a).