Na Comisión de Persoal do venres 28 de outubro aprobouse un novo sistema de carreira profesional, os criterios dos procesos selectivos de estabilización derivados da Lei 20/2021, e unha nova organización dos órganos de representación sindical do persoal funcionario e laboral ao servizo da Administración Autonómica. Van aquí os textos finais e a información que xa publicamos.

Carreira Administrativa do persoal funcionario

Despois de que UGT, CCOO e Función Pública paralizaran o grao II no segundo semestre de 2020 (cando tiñan que regulalo para que entrara en vigor en 2021) póñeno en marcha facéndolle perder un ano de cobro ao persoal dos grupos C1, C2 e AP. No primeiro semestre de 2023 sairá a convocatoria para aquel persoal que teña 11 anos de antigüidade a 31/12/2021 e con efectos de 2022. As contías á cobrar serán do 60% do importe no 2022, o 80% no 2023 e o 100% no 2024.

Foron tres as sentenzas que gañamos, así que non lles quedou máis remedio á Administración, a CCOO e a UGT que incluír ao persoal interino. Non se recoñecen os efectos retroactivos dende o 2019 ao persoal interino que cumprira cos requisitos. En relación a isto estamos á espera de que se resolva o incidente de execución de sentenza para determinar si é un dereito que ten un carácter ex novo ou non.

Recoñecen o dereito á carreira a aquel persoal que no 2019 non cumpría os requisitos, polo que se vai abrir un novo prazo para o acceso ao grao I para aquelas persoas que teñan unha antigüidade de máis de 5 anos nesta Administración dende o 31/12/2021.

Pero ollo, CCOO e UGT danlle o visto e prace  a unha cláusula onde se di que de ampliarse o ámbito subxectivo se reformularán as porcentaxes e as contías. Iso quere dicir que si o teu compañeiro da mesa do lado reclama algo e se lle dá a razón iso vai repercutir no que ti cobras.

Manteñen uns importes que afondan na brecha salarial, ao ser os do grupo superior (2.589,12 €) máis do triplo dos do grupo inferior (801,48 €).

A pesar de que hai avances porque se viron obrigados a acatar as sentenzas, seguen facendo trampa cos efectos retroactivos, polo que o noso voto non foi favorable.

Importes anuais de cada grao da carreira segundo subgrupo

A1 2.589,12
A2 1.812,00
C1 1.291,20
C2 991,80
AP 801,48

Porcentaxes a cobrar do grao II

2022 60 %
2023 80 %
2024 100 %


Complemento de desempeño do persoal laboral (equivalente á carreira do persoal funcionario)

Ao igual que no caso do persoal funcionario interino, vense obrigados a recoñecer este dereito ao persoal laboral temporal e indefinido. Pero fan o mesmo cos efectos retroactivos, polo que tamén esperamos polo incidente de execución de sentenza.

Tamén se perde un ano do grao II do persoal dos grupos III, IV e V, por culpa da paralización do mesmo por parte de Función Pública e CCOO e UGT.

As contías e porcentaxes serán igual que no caso da carreira do persoal funcionario.

Pero o colmo de todo isto é que privan do dereito á carreira ao persoal laboral fixo, que superou procesos selectivos asimilables aos de funcionario de carreira convocados por Función Pública e que non se queira funcionarizar. Entendemos que privar deste complemento a este persoal non ten que ver con razóns orzamentarias (a Xunta estima que menos do 10% do persoal laboral fixo non se vai funcionarizar, así que falamos de menos de 500 persoas), polo que queda á vista cales son as razóns da Xunta para non incluílos: unha chantaxe para que se funcionaricen á forza.

Por isto tamén votamos en contra desta proposta.

Os importes, non garantidos

O máis preocupante das novas carreiras profesionais para o persoal funcionario e laboral é que non están plenamente garantidas porque introducen un novo concepto de dispoñibilidade orzamentaria que deixa aberta a posibilidade a futuros recortes en forma de modificación das anualidades e/ou nas porcentaxes de pagamento previstas, así como nos importes a percibir.