Coa Lei de Orzamentos para o ano 2023 a Xunta introduce un artigo (artigo 21.d) co que os importes dos complementos específicos adicionais poderán ser reducidos ou eliminados. Estes complementos retribúen as condicións específicas de determinados postos, como as diferentes prestacións do servizo ou as funcións.

Os complementos específicos adicionais retribúen nalgunhas escalas de persoal funcionario cuestións como a penosidade, a toxicidade, o traballo irregular con quendas de maña e tarde e noite e en fin de semana e festivos, as gardas, a especial responsabilidade ou a nocturnidade e, tamén outras especificas das funcións como as de dirección, coordinación, inspección, policía e control.

Regúlanse dentro dos acordos de condicións de traballo, logo da loita do persoal, e conseguimos mudar retribucións variables por un complemento fixo global e consolidable que repercutira nas cotizacións. Aínda que había perda de masa salarial tiñamos claro que gañabamos na estabilidade dos soldos.

A Xunta pretende rebaixar o complemento específico adicional e faino á forza (por lei)

Cárgase o sentido do complemento específico e introduce pola forza, na Lei de orzamentos do 2023, a condición da efectiva prestación de servizos mediante acreditación mensual no que “pode establecer un módulo” para o cálculo do importe efectivo. Desta forma muda unilateralmente un complemento que viña a valorar en conxunto as funcións e permítense dividilo ou eliminalo de cheo.

Cal é o sentido desta medida? Unha coacción para traballar ata os 67 anos aínda que a saúde non acompañe? Poñer máis pedras á conciliación?

Sospeitamos que aos primeiros compañeiros e compañeiras que lle van tocar o soldo son aos que teñen adaptación de posto, moi probablemente derivado dos danos que sobre a saúde fixeron anos de traballo lesivo. O peor é que con esta rebaixa minguan as cotizacións nos derradeiros anos da vida laboral.

Todo isto ocorre cando andamos a reclamar unha xubilación anticipada como no persoal das escalas de Gardacostas, pois xa non se sostén que teñan que embarcar, levantar redes e controlar o furtivismo ata os 67 anos.

O director xeral asegura que a rebaixa do específico non se vai aplicar nas baixas máis non di en que situacións e como pretenden “modular” o específico

Ante a queixa, o director xeral da Función Pública dixo que non ía afectar ao persoal que está de baixa. Pero non nos fiamos. Sabemos como as gastan as consellerías e ademais se o vinculan a unha certificación mensual da realización das funcións ou tarefas concretas pois o cristo está servido: van tratalo como unha produtividade. Na CIG estamos pendentes xa que se o fan ás bravas están a mudar substancialmente as condicións laborais dos empregados e empregadas públicas e o conflito está asegurado.

Lembramos o precedente: A Consellería do Medio Rural rebaixou o salario do persoal técnico de incendios para reprimir o conflito laboral e o dereito a folga

No 2020 ao persoal técnico do servizo de incendios forestais secuestráronlle o soldo base e o complemento de destino en pleno conflito polas condicións de traballo. Rebaixáronlle ata 900 euros ó mes empregando un criterio “modulable”: importes en función do número de incendios no distrito durante ese mes (a máis lumes, menos desconto). Nas zonas con menos actividade incendiaria ou mais húmidas da Galiza a rebaixa salarial era maior, si no distrito houbera un numero de incendios moi alto descontarían menos.

Por incríble que pareza, isto sucedeu, aínda que moitos dos compañeiros non puideran exercer nin un só día o seu dereito á folga, (os servizos mínimos estaban impostos en case o 100%). Este luns 21 de novembro tivemos o xuízo e estamos a espera de sentenza para que a Xunta pague o salario roubado.