Na última Comisión de Persoal (22/02/2023), o director xeral de Función Pública recriminoulle á CIG a sentenza desestimatoria da nosa demanda da Orde de confección de nóminas do ano 2022, que acaba de ditar a sala 1ª do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Considera que esta sentenza dalle a razón con respecto ao seu trato ao persoal que non quere pasar polo aro da “funcionarización voluntaria”. Dende a CIG imos recorrela.

Esta sentenza dá por boa a obriga de funcionarizarse que establece a Orde de confección de nóminas de 2022 (e que xa inclúen as anteriores ordes) e considera que non existe discriminación algunha en denegar o cobro da carreira profesional ao persoal laboral fixo que non se queira funcionarizar.

Pois ben, é unha cousa curiosa que o director diga que esta sentenza lle dá a razón e obvie completamente, porque lle interesa, a sentenza da Orde de confección de nóminas de 2019 do TSXG que di xusto o contrario, e que recorreron en casación no Tribunal Supremo.

Tamén é curioso que exista unha sentenza de xullo de 2022 dunha demanda coa mesma pretensión, e que non interpuxo a CIG, desestimada pola mesma sala do TSXG, e que disto o director non mencione nada.

Pero ben, isto non é novo: o señor director é xa un experto en pasar de largo polas sentenzas que non lle interesan. Inda estamos á espera do resultado da execución da sentenza da Orde de carreira profesional (con sentenza firme), e da execución das sentenzas das ofertas de emprego dos anos 2017 e 2019, que por certo tamén son firmes e nin rastro das convocatorias de prazas de promoción interna para o persoal laboral que tería que convocar a Xunta ao abeiro destas sentenzas. Ao mellor o señor director está a espera de que o persoal se funcionarice para dicir que xa non cabe, quen sabe.