No DOG do 26/04/2023 publican a Orde pola que se regula o procedemento para o nomeamento como persoal funcionario de carreira do persoal laboral fixo das categorías V-001 e V-011 (limpeza e cociña), que superou o proceso de funcionarización convocado pola Resolución do 12 de maio de 2021.

1. O persoal laboral fixo (que figura no anexo II da corrección de erros publicado do DOG do 27/04/23), deberá asinar un acordo de extinción do contrato de traballo. Os efectos administrativos da sinatura deste acordo de extinción serán o 30/04/2023. A extinción quedará condicionada á efectiva toma de posesión como persoal funcionario de carreira.

2. Os efectos administrativos da toma de posesión como persoal funcionario de carreira, serán do 1 de maio de 2023 (excepto no caso de permisos, licenzas ou incapacidade temporal e incapacidade permanente con reserva de posto). No caso de vacacións, permisos ou licenzas, o prazo para a sinatura do acordo de extinción comezará a contar desde a súa finalización; o día da toma de posesión será o seguinte hábil ao da sinatura do dito acordo. Nos supostos de incapacidade temporal ou incapacidade permanente con reserva de posto, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta ou reincorporación. Quedan exceptuados do disposto no parágrafo anterior as situacións derivadas da maternidade ou paternidade.

3. O incumprimento dos prazos antes indicados, agás as causas de forza maior debidamente acreditadas e apreciadas pola Dirección Xeral da Función Pública, implicará o desestimento da funcionarización e que continúa como laboral.

4. O/a traballador/a conservará a situación administrativa que teña recoñecida noutras categorías laborais antes da adquisición da súa condición de persoal funcionario de carreira.

5. O persoal que se funcionarice seguirá percibindo en concepto de antigüidade a mesma cantidade que estaba percibindo como laboral fixo nun concepto na nómina á marxe do complemento de funcionarización-persoal. O primeiro trienio que se perfeccione como funcionario non terá unha contía inferior ao que se percibiría como laboral.

6.- O persoal que no momento da toma de posesión se atope en adscrición temporal poderá continuar prestando servizos nese mesmo posto mediante unha comisión de servizos, sempre que o posto da adscrición temporal tamén sexa obxecto de transformación en posto de persoal funcionario.