Nunha reunión informativa, Función Pública trasladounos á CIG e ao resto de organizacións sindicais varias cuestións de relevancia que afectan ao persoal do Consorcio e de Política Social.

RPTs de Política Social e toma de posesión dalgunhas escalas da OPE social

Van levar ás mesas xerais varias pequenas modificacións de aquí a xaneiro de 2024. Agora anuncian a creación de prazas de escalas que compoñen os equipos de valoración de dependencia e de discapacidade. Con esta modificación van crear prazas de traballadores/as sociais que lles permitan sumalas ás existentes para a toma de posesión provisional desta escala que se pode realizar sobre esas prazas incluso antes de que se modifique a RPT se é preciso. Anuncia o director xeral que iso é para que a toma de posesión evite que salten as persoas interinas pendentes dos procesos de consolidación da lei 20.

A seguinte modificación de RPT desta consellería será a das prazas que se amplían pola aplicación do Acordo de Política Social, 140 (xa que as 5 restantes ou se crearon xa na recente modificación e que solo falta a publicación de 2).

Acordo de condicións de traballo de Política Social

Imos proceder nun prazo breve á sinatura, rexistro e publicación do acordo para formalizar a sua aprobación ante Relacións Laborais e que comece a súa vixencia, e poder comezar a cobrar en novembro as compensacións de 2023.

Curso sobre carteleiras

Ante a queixa que lle fixemos por facer cursos de carteleiras de directores/as de centros sen antes convocar sequera a comisión de seguimento para pactar o modelo de carteleira, dende Función Publica asumen a responsabilidade e din que van convocar a comisión e ademais facer unha nova edición do curso (xaneiro) ante o grande número de persoas interesadas. Recalcamos a necesidade de pactar e logo formar ao cadro de delegados e delegadas e de directores/as para evitar conflitos por diferentes interpretacións.

RPT do Consorcio

Seguen a traballar nela e teñen que actualizar os posibles cambios dende 2021 (supresións, creacións, xubilacións… e actualización de niveis) Houbo risada xeral porque a inutilidade do Consorcio sona e a cachondeo total, mais non nos cremos que sexa casual. FP dixo que “debera estar” para a semana.

Integración do persoal laboral fixo do Consorcio

Para que o persoal laboral fixo do Consorcio poida concursar xunto co resto de persoal funcionario da Xunta de todas as escalas é necesario o seguinte:

PRIMEIRO. Que se integren como persoal laboral fixo da Xunta de Galiza.
SEGUNDO. Que se funcionaricen como o resto do persoal laboral da Xunta (isto é voluntario).

Todo isto vai ser un proceso expres que compre realizalo con axilidade, de aí que a indolencia do Consorcio pareza xa non incapacidade conxénita senón boicot intencionado.

Non son quen de enviar correctamente e con toda a documentación os expedientes das súas traballadoras a Función Pública (e iso que son pouco mais de 200 as fixas do Consorcio). E ata que non se teña toda a documentación non se vai reunir a Comisión de integración.

Función Pública vai requirirlle toda a documentación ao Consorcio, pero nós recomendamos a todo o persoal laboral fixo que estea pendente e que lle esixa ao Consorcio que teña o seu expediente actualizado especialmente no relativo aos procesos selectivos superados e á publicidade dos mesmos.

Sobre todos estes asuntos anuncia xuntanza previa entre finais de outubro e a primeira semana de novembro e será unha negociación rápida.

Tamén se tratará nesa negociación

-Itinerancias.
-Procedemento para o nomeamento das directoras/es das escolas infantís.
-Coordinadores/as.
-Medias xornadas.