O mércores 16 de abril foron aprobadas as convocatorias dos concursos de traslados de profesores e mestres das escolas nautico-pesqueiras, axentes de extensión pesqueira, arqueólogos/as, restauración, delineantes, arquivos, bibliotecas e museos. Na rolda aberta de intervencións, tratáronse os seguintes asuntos: RPT das oficinas de emprego, RPT da categoría I-40 (titulado/a superior lingüista), e cambios no teletraballo.

A maiores de corrixir algún erro que detectamos, nas bases dos concursos de traslados referidos aceptaron unhas modificacións que propuxemos. Mantemos as discrepancias nalgún baremo, pero recoñecemos que en xeral, son unhas bases aceptables, para uns concursos demandados polo persoal. As bases foron aprobadas polo voto favorable das catro organizacións sindicais con presencia na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CISF e UGT).

Da reforma da Relación de Postos de Traballo de Oficinas de Emprego, que motivou a retirada de moitos postos vacantes do concurso de traslados de corpos xerais, xa están a circular uns borradores polas oficinas. Porén, as negociacións coa representación legal do persoal aínda non comezou. Por iso, a CIG reclamou que a consellería envíe a documentación e convoque de inmediato ás organizacións sindicais.

Reclamamos a renegociación da RPT da categoría I-40. Aí está incluído o persoal que imparte os cursos Celga, pero cunhas condicións inaceptables: son postos descontinuos de 7 meses ao ano, e media xornada durante eses meses. Sería máis ou menos o mesmo que traballar 3 meses e medio ao ano, e así non se pode vivir. Nen sequera se lles está a pagar os gastos de desprazamento aos lugares en que se imparten os cursos, ou os desprazamentos para entregar os exames corrixidos. E cando os cursos son por teleformación, teñen que utilizar os seus ordenadores persoais (que con eses ingresos, non supoñemos que non serán moi novos nalgúns casos). Esta situación está a ocorrer mentres temos milleiros de empregados/as públicos/as que non poden acceder aos cursos de linguaxe administrativa por falta de oferta.

En canto a información de que en moitos servizos se están a restrinxir os luns e venres como días de teletraballo, a directora xeral de Emprego Público volve a respostar que se informará, e xa nos contará. Non esquezas que unha resolución só se pode modificar con outra resolución, non de palabra.