A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) remitiu aos sindicatos unha segunda versión do que sería o modelo xenérico de bases de concursos específicos. Descargar.
Este modelo de bases xa pasou o trámite de negociación na Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario (MSF). A DXEP convocounos a unha xuntanza para o martes 29 de abril, previa á aprobación definitiva en Comisión de Persoal (pendente de convocar).
O novo borrador ten algúns cambios respecto do que enviaran para a MSF (31/01/25), basicamente na primeira fase (valoración de méritos):
- Suprimen o mérito por grao persoal consolidado.
- Limitan o traballo desenvolvido ao traballo desenvolvido en postos da mesma área funcional ou con funcións similares ao convocado.
- Cambian a redacción da formación, copiando a dos concursos de traslados ordinarios.
- Para a experiencia profesional específica só terán en conta a experiencia no mesmo posto obxecto do concurso (queda fora a experiencia no mesmo servizo ou unidade organizativa). E como todos estaban en comisión de servizos, iso é o que van valorar.
- En medidas de conciliación, inclúen unha puntuación extra para as familias monoparentais.
- O coñecemento de idioma estranxeiro valorarase só para postos nos que as funcións o requiran.
- Inclúen o baremo do grupo de clasificación
Na segunda fase (memoria e currículo) e no resto do texto tan só hai cambios menores ou correccións.
Con estes cambios, mantemos o que xa dixemos tras a MSF:
Este tipo de concursos, pensado principalmente para xefaturas de servizo e de sección, foi un invento da Lei de emprego público de Galiza, e dende entón (ano 2015), todos os postos foron cubertos mediante comisións de servizos, polo que as persoas que os ocuparon mantiñan bloqueados outro posto. O último movemento foi en setembro do 2022, cando publicaron o Decreto de mobilidade que di pouco máis que o xa previsto na LEPG. Afecta a 861 postos (6 de nivel 20, 40 de 21, 2 de 22, 82 de 25, 33 de 26 e 698 de 28). Ver información en boletín de abril/2024.
Vai ser unha tomadura de pelo, no sentido de que non queren regular a puntuación de cada mérito, e quedará ao que decidan as consellerías en cada convocatoria. Así van poder adaptar as bases das convocatorias segundo conveña en cada caso, para axustalas o máximo posible a unhas persoas funcionarias determinadas que queiran colocar nas prazas. Dende a CIG non podemos consentir que cada consellaría faga o seu “cortijo”, cremos que tampouco responde a unha administración seria e rigorosa.
Ademais, néganse a poñer un calendario para que as consellarías convoquen a cobertura dos máis de 800 postos de concurso específico, polo que veremos como seguen as comisións de servizos en fraude de lei, moitas delas con máis de 10 anos.
Chama a atención que o borrador das bases que nos entregou a Dirección Xeral de Emprego Público inclúe que o tempo en comisións de servizos sexa puntuable, cando todas as persoas que se atopan ocupando prazas de concurso específico foron escollidas totalmente de xeito discrecional, sen atender a ningún tipo de criterio ou transparencia. Estas convocatorias deben ser o máis transparentes posibles e que garantan o dereito de tódalas persoas funcionarias a poderen acceder a este tipo de prazas en igualdade de condicións; máxime cando estas prazas son revisables ao cabo de 5 anos, polo que condiciona en gran medida a política en materia de persoal aos gobernos seguintes.